“Un conto de Nadal. 100 anos de verbena galega” estréase este venres en Tui
Será dúas horas de espectáculo con temas de Nadal pero tamén clásicos das verbenas con La Oca Band e artistas convidados, entre eles agrupacións tudenses
O Paseo da Corredoira acollerá este venres, 17 de decembro, ás 19 h a estrea de “Un Conto de Nadal. 100 anos de verbena galega” da man de La Oca Band e unha serie de artistas convidados. Este evento forma parte da programación cultural “Tui, o Camiño do Nadal” que organiza o Concello de Tui.
Ao longo de dúas horas actuará La Oca Band xunto a artistas convidados como a tudense Noelia Solleiro; Lito Garrido de Panorama; David Balboa excompoñente de Paris de Noia; Carlos Mariano de Suavecito; Marta Valiño excompoñente de Olympus, Ángel América, e Ruth Núñez finalista do programa da Tvg A Liga dos Extraordinarios. Pero tamén colaborarán no tema central do espectáculo con grupos folclóricos de Tui e noutro tema cun coro de 25 alumnos e alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Tui.
A gala será retransmitida en directo por YouTube polo que poderá seguirse dende calquera punto con acceso a internet.