XXX Música no Claustro

Data:
1/08/2026
Lugar:
Catedral de Tui
Do sábado 1 ao venres 7 de agosto celébrase no Claustro da Catedral de Tui o XX Música no Claustro, Festival de música, patrimonio e creación.
Os concertos teñen entrada libre. Todos comezan ás 21 h. A programación é a seguinte:
Sábado 1 de agosto.
- A frautista Patricia González e o guitarrista Samuel Diz abren a XX edición do festival recuperando o espírito fundacional do festival coa interpretación de Le chant du vent para frauta, de Johannes Donjon, unha das obras que soaran naquel primeiro encontro en 2005. No concerto participará tamén Jonatan Alvarado, para interpertar xunto a Samuel Diz algúns dos temas de El mal de l'amor: The Songbook of Gustavo Durán (Poliédrica, 2026) do que neste concerto interpretan unha escolma de pezas. Canto gregoriano e músicas populares da Península Ibérica e América Latina dialogan neste concerto co violín fiddle de Begoña Riobó e a zanfona de Anxo Pintos. que volven tamén ao festival tras a estrea do seu proxecto Pärbo. O concerto culmina coa interpretación da Bailada de Gustavo Durán, a obra que o diplomático das Nacións Unidas compuxo nos Estados Unidos en 1951 a partir dunha cantiga de Martin Códax. Unha peza festiva na que converxen a tradición medieval galaico-portuguesa e a creación musical contemporánea dun compositor amante da beleza.
Domingo 2 de agosto
- Ás 21 h o guitarrista Víctor Franco e a cantaora Laura Marchal regresan a Música no Claustro despois do concerto que ofreceron en 2024. Este concerto enmárcase no acordo entre a Sociedad de Artistas Intérpretes ou Executantes (AIE) e o Festival Música no Claustro.
Luns 3 de agosto
-
ÁS 19h Órgano en obras. Remate do instrumento no 800 aniversario da Catedral. Conversa de Andreas Fuchs, mestre organeiro do taller Gerhard Grenzing, e Daniel Goberna, prefecto de música da Catedral de Tui, co xornalista Jose Font
- Ás 21 h Lítore Quartet é un cuarteto de saxofóns fundado no ano 2019 no Conservatori Superior de Música de les Illes Balears. Está formado por Jaime Estévez (Vigo, 2001) e Hugo Lomba (Tomiño, 1997), xunto con Sira Pellicer (Valencia, 2000) e Miquel Flores (Molins de Rei, 1999). Lítore Quartet presenta en Música no Claustro a estrea absoluta de Lux Glaciei, unha obra da compositora Irene Cantos (Albacete, 1997). Para este concerto, Lítore Quartet traballou co arquivo musical da Catedral de Tui co obxectivo de trasladar ao saxofón a polifonía de Matías García Benayas, mestre de capela da catedral durante a primeira metade do século XVIII.
Martes 4 de agosto
- Ás 21 h Giulia Valle é compositora, arranxista e contrabaixista; chega a Música no Claustro xunto ao pianista Biel Harper, da man da baterista Andrea González Giráldez.
Mércores 5 de agosto
- Ás 12.30 h Neurociencia e perspectiva de xénero na práctica musical. Conversa con Giulia Valle e Pilar Serrano Betored en Ideas Peregrinas.
- Ás 21 h Silvia Márquez Chulilla regresa ao festival xunto á soprano Eugenia Boix para presentar Salve Regina, un concerto que, en verbas das propias intérpretes, reúne «algunhas das partituras sacras de maior fermosura para a voz». Obras de G. F. Haendel, John Dowland, F. Correa de Arauxo, J. S. Bach, J. Haydn e F. Mendelssohn dialogan co patrimonio musical conservado no arquivo da Catedral de Tui.
Xoves 6 de agosto
- Ás 21 h Guadi Galego regresa a Música no Claustro para o ofrecer o que será o seu único concerto do verán de 2026. Un recital concibido como un percorrido emocional pola súa obra, no que se volta a sentar no piano para revisitar as súas cancións dende unha nova perspectiva, marcada pola madurez artística e vital. Neste concerto está acompañada por Vic Moliner, produtor dos seus discos Inmersión (2019), Costuras (2020), Roibén (2021) e Pélago. Cantos oníricos (2025), e polo batería Iago Carro Cribeiro, o seu sobriño, formado no Conservatori Superior de Música del Liceu de Barcelona.
Venres 7 de agosto
- Ás 21 h a violinista Sara Areal regresa a Música no Claustro para presentar "Poema infinito", o seu primeiro traballo discográfico. que verá a luz a finais de 2026 no selo Poliédrica. Co apoio á creación do Instituto de la Juventud (INJUVE), o proxecto propón un percorrido por emocións vividas con obras de Ralph Vaugham Williams, Lili Boulanger, Kaija Saariaho, Manuel Quiroga, Eugène Ysaÿe, Arvo Pärt xunto coa estrea absoluta de Poema infinito, de Carme Rodríguez (Ribadeo, 1996), unha obra escrita por encarga para este proxecto. O programa inclúe composicións para violín só, violín e piano, e quinteto de cordas. Para a súa interpretación, Sara Areal conta coa colaboración da pianista Andrea Vilar (Rábade, 1997), a violista Marta Rodríguez Otero (Lugo, 1999), o violonchelista Pedro Campos Fernandes (Lisboa, 1996), o contrabaixista Víctor Chávez (Vigo, 2004) e a complicidade da súa irmá, a violinista Raquel Areal. (Tui, 1999).
Máis información en https://www.musicanoclaustro.com/




