Ultreia 2025

O domingo 6 de abril celebrarase a sétima edición da Ultreia, unha proba que unirá Tui e Pontevedra.
A inscrición está aberta até o domingo 23 de marzo na páxina web www.cronotec.es. Hai tres prazos para poder realizala. O primeiro permanecerá aberto até o luns, 10 de febreiro, ás 23.59 horas, cun prezo de 15 euros. O segundo vai dende o 11 de febreiro até o 4 de marzo e o prezo será de 17 euros e o último é dende o 5 de marzo ao 23 e ten un prezo de 20 euros.
Neste trail de senderismo, que o ano pasado superou os 500 participantes chegados de 12 comunidades autónomas, a principal dificultade é a distancia, por iso hai catro traxectos entre os que se pode escoller. O curto, entre Tui e O Porriño, de 19 quilómetros; o medio, entre Tui e Redondela, de 33 quilómetros; o longo entre Tui e Arcade, de 40 quilómetros e a Ultreia entre Tui e Pontevedra, de 52 quilómetros.
Este ano volverá haber teatralización nalgúns puntos do percorrido con personaxes históricos coma San Telmo, Xulio César, ou Teucro.
Cada participante recibirá unha camiseta conmemorativa da marcha, unha mochila de camiñante,e contará seguro deportivo. Haberá cinco puntos de avituallamento: Orbenlle, O Porriño, Mos, Redondela e Arcade.