Teatro Paraíso con “Entrecajas”
O venres, 4 de outubro, ás 19 h Teatro Paraíso presenta no Teatro Municipal de Tui “Entrecajas”. A obra recibiu o Premio FETEN 2024 ao mellor espectáculo de clown
Entecajas é un espectáculo que suxire que o mundo é unha gran caixa na que vivir grandes aventuras, como a escena o foi para Teatro Paraíso durante os seus 45 anos de traxectoria. Este espectáculo invítanos a gozar do xogo, a superar as dificultades en compaña e a imaxinar que, xunto a outros seres humanos, é posible alcanzar calquera soño.
Unha historia chea de humor, na que dous amigos que viven en caixas imaxinan viaxes a lugares soñados, coa súa sorprendente creatividade. A súa vida transcorre entre o xogo, a convivencia, as pelexas cotiás e as reconciliacións.
Bartolomeus e Comino viven felices contando un co outro ata o día no que aparece un terceiro personaxe que porá a proba a forza da súa amizade roubándolles as súas caixas.
Xuntos atoparán o camiño de regreso ao lugar onde un día foron felices ao descubrir que lles queda o máis valioso: a súa amizade e a súa capacidade de imaxinar.
Un clásico do teatro familiar na dramaturxia europea contemporánea que foi tamén unha metáfora do proxecto artístico de TEATRO PARAÍSO.
Teatro Paraíso desenvolve un intenso labor artístico dedicado á produción, creación e exhibición de espectáculos de calidade para a infancia e o público familiar desde hai máis de corenta anos. Ao longo desta interminable viaxe a ningures visitamos unha infinidade de escenarios en Estados Unidos, Canadá, Noruega, Finlandia, Francia, Bélxica, Alemaña, Reino Unido, Romanía, Italia, Irlanda, Suíza, Austria, Luxemburgo, Holanda, Portugal, Croacia, Eslovenia, India, Singapur, Arxentina, Uruguai, Brasil, Chile, México e Ecuador.
Ficha artística
- Intérpretes: Xabier Artieda, Aritz Bengoa ,Xabier Flamarique
- Iluminación en xira: Asier Calahorro (Kandela Iluminación)
- Deseño de Escenografía: Teatro Paraíso e Asier Calahorro
- Vestiario e Atrezzo: Ana Fdez. Alonso e Pilar López
- Deseño de Iluminación: Javier García (Kandela Iluminación)
- Dramaturxia: Rosa A. García
- Dirección: Tomás Fdez. Alonso
Duración_ 50 minutos
Recomendada_+ 5 anos
Idioma_Castelán
Xénero_Clown
Prezos_ 5€ e 3€