Teatro Nacional Nacional São João do Porto con “Fado Alexandrino”

O Teatro Municipal de Tui acolle o venres, 31 de xaneiro, ás 20 h a representación de “Fado Alexandrino” da man do Teatro Nacional Nacional São João do Porto. Trátase dunha gran montaxe escénica coa que a compañía se suma aos actos conmemorativos do 50 aniversario da Revolución dos Cravos. Este espectáculo chega á Eurocidade Tui-Valença dentro da Temporada Cruzada da Programación Cultural Portugal-España: 50 anos de democracia, e conta coa colaboración do Centro Dramático Galego e do Instituto Camões.
Ás entradas poranse á venda o próximo venres, 24 de xaneiro, en tui.gal aos prezos de 12€ e 9€.
Doce actores e actrices conforman o elenco da obra dirixida por Nuno Cardoso, que realizou a adaptación escénica e a dramaturxia de “Fado Alexandrino” de António Lobo Antunes, considerada a gran novela sobre o 25 de abril.
En escena estarán Ana Brandão, Nuno Nunes, Joana Carvalho, Jorge Mota, Lisa Reis, Patrícia Queirós, Paulo Freixinho,Pedro Almendra, Pedro Frias, Roldy Harrys, Sandro Feliciano, Sérgio Sá Cunha, e Telma Cardoso. A obra, unha especie de Última Cea, reúne nun xantar a cinco personaxes, militares que regresaron da guerra de África, e reflexionan sobre o fin da contenda, sobre o loito, …
O escenario transfórmase nun inmenso mural que cobra vida coa interpretación e interacción dos actores que levan ao espectador a través de catro épocas que se entrecruzan na historia o Estado Novo, a memoria da guerra colonial en Mozambique, a Revolución dos Cravos e a posRevolución. O Fado Alexandrino é unha alegoría sobre o destino de ser portugués. A música orixinal “Peixe” foi gravada por Joel Azevedo.
A obra, cunha duración cercana ás catro horas, contará con dous descansos.