Presentación "Inimigos ás portas: Frank López e o anarquismo global" de Bieito Alonso

O venres, 20 de setembro, ás 20 h na Sala Municipal de Exposicións, no edificio Francisco Sánchez, presentarase o último libro do historiador Bieito Alonso, “Inimigos ás portas: Frank López e o anarquismo global”, publicado pola Editorial Galaxia.
O acto contará coa presenza do autor e unha intervención socio-musical a cargo de Quico Paz Antón e Raúl Francés.
Bieito Alonso, despois de gañar o Premio da Crítica de Galicia na categoría de Investigación por “Anarquistas galegos en América”, pon sobre a mesa este novo volume, que centra o foco en Frank López, Francisco López García (1885-1967), natural de Bemantes.
Esta proposta pode resultar de interese para explicar a traxectoria transnacional dun movemento, como o dos anarquistas galegos, e peninsulares, que, localizado nos Estados Unidos, tamén estendeu os seus brazos pola súa contorna xeográfica, nunha sorte de intercambio propagandístico, financeiro e axitador que o mantivo vivo e vixente durante os primeiros trinta anos do século XX.
O autor bota luz, en “Inimigos ás portas. Frank López e o anarquismo global”, sobre unha desas moitas persoas, nadas en Galicia, que desenvolveron un papel singular nalgún dos acontecementos históricos máis relevantes do primeiro terzo do século pasado.