Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Orgullo e Punto

Data: 
1/06/2024
Lugar: 
Alameda de San Domingos

O sábado 1 de xuño, na Alameda de San Domingos, celebrarase "Orgullo e Punto" con actividades dirixidas a toda a familia para conmemorar o Día Internacional de Tecer en Público e o mes do Orgullo.

É unha xornada inclusiva e teceril organizada polo Concello de Tui e TejeTui.  Promóvese así a convivencia e a corresponsabilidade nun evento diverso e igualitario para todas as persoas.

"Orgullo e Punto" busca romper cos estereotipos asociados ao tecido, destacando os seus múltiples beneficios como a redución da tensión, o fomento da creatividade, o aumento da autoestima, o control da hiperactividade e a mellora da concentración. Este evento non só celebra a arte de tecer, senón tamén a diversidade promovendo un espazo inclusivo e cheo de cor no Mes do Orgullo.   Crearase así un espazo onde a diversidade e a creatividade serán protagonistas.

Por unha banda a comunidade teceril de Tui e da contorna, xunto á de toda Galicia poderá gozar dunha xornada de posta en común de experiencias, coñecementos e creacións. Na Alameda contarán un espazo con mesas para poder tecer ao longo da xornada. Amais poderán coñecer o produto  das tendas locais vinculadas ao sector, así coma participar en novidosos obradoiros que impartirán expertas locais e galegas. Tamén os e as cativas se poderán iniciar neste mundo cun obradoiro infantil no que aprenderán as primeiras nocións do tecido.

Nesta festa para a familia non faltará a animación música ao longo da xornada, e contarase tamén cun espectáculo de maxia que sorprenderá ás persoas asistentes.  A artesanía estará tamén presente nunha feira na que participarán quince artesáns de toda Galicia.

Ao longo da xornada poderase gozar tamén de varios postos de gastronomía local nun entorno natural á beira do Miño con zonas axardinadas, con árbores e bancos.

Así “Orgullo e punto” será un lugar de encontro para quen desexen gozar con amigos e familia nun espazo diverso e respectuoso, promovendo a convivencia e igualdade para todas as idades.