Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

MUMI, Encontro das Músicas de Galicia e Portugal

Data: 
21/09/2023
Lugar: 
Eurocidade Tui-Valença

Do 21 ao 24 de setembro na Eurocidade Tui-Valença celebrarase a 4ª edición do MUMI.

Galiza presentará os directos de Antía Muíño, Mondra, Anxo Araújo, Diego Alonso 5tet, Habelas Hainas, Lontreira, Moura e Xurxo Fernándes; mentres Portugal achegará as propostas de Aníbal Zola, Expresso Transatlântico , María Monda, Maze, Retimbrar e Virgem Suta.

Desde a equipa organizativa destacan que a diversidade continúa a ser a palabra clave na música ao vivo que vai ofrecer o MUMI 2023, cun mosaico de bandas e artistas que responden á riqueza das escenas galega e portuguesa. Das novas abordaxes da música tradicional á electrónica, pasando polo jazz, o pop, as músicas urbanas ou a canción de autoría, os showcases programados recollen a efervescencia musical que bule a ambas beiras do Miño cunha presencia moi destacada das músicas que experimentan a partir da raíz, e que felizmente non deixan agromar. Un total de catorce propostas de bandas e artistas cunha traxectoria consolidada, respaldadas por axencias profesionais, que xa están funcionando moi ben nos seus territorios e queren abrirse a outros mercados, un feito que demostra a solidez da escena e a necesidade da industria musical de contar cun espazo como o MUMI.

O MUMI contará con cinco faladoiros nos que se abordarán temas cruciais para a industria musical neste momento serán os que se celebren o venres 22 e o sábado 23 na Eurocidade Tui-Valença dentro do MUMI.  A zona profesional estará situada nas instalación da Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença.

O venres 22 ás 10.30 h o director de licencias de Altafonte, Manuel Pena, falará sobre A comercialización dixital da música. Posteriormente ás 13.00h, Manuel Alonso, xerente de Músicas ao Vivo (MAV) e Patty Castro, membro da directiva de MAV, debullarán as Claves para a contratación artística transfronteiriza nun encontro no que tamén se falará do asociacionismo musical en Galiza. Xa ás 15.30 h abordarase Como conseguir audiencias para músicas non maioritarias. 

O sábado ás 10.30 h o primeiro faladoiro centrarase na saúde das persoas que traballan no sector musical e na cultura en xeral. O director da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural  (AGPXC), Carlos Lorenzo, presentará o proxecto Coidar de nós, para coidar da cultura, no que se abordan as dinámicas tóxicas do sector e as súas consecuencias na saúde mental e tamén física de artistas e profesionais do ecosistema cultural. O derradeiro dos faladoiros, ás 13 h, será a quenda das Experiencias culturais con fondos europeos, coa exposición de Miguel Ângelo e Fernando Sousa, xestores da axencia musical portuguesa SOUNS GOOD. Falarán  das posibilidades que se abren cos programas de axudas ao sector cultural da Unión Europea a partir da súa propia experiencia na formulación e xestión do proxecto MARIMBA, no que ademais de Portugal participan outros países da lusofonía como Angola, Guiné-Bissau, Moçambique e Timor-Leste, e que recibiu apoio por valor de cerca de un millón de euros do programa europeo PROCULTURA. A programación de faladoiros conta co apoio especial da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e a Deputación de Pontevedra.

Programación completa