Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Exposición de Debuxos e Pinturas de "Cali"

Data: 
15/02/2023
Lugar: 
Sala de Exposicións Municipal

Dende o mércores 15 de febreiro ao sábado 18 de marzo a Sala Municipal de Exposicións Municipal acolle unha mostra con preto de oitenta debuxos e pinturas de Hixino Castillo “Cali”. 

A inauguración será o mércores 15 ás 19.30 h contando coa presenza do propio autor así como de Silvestre Gómez Xurxo, secretario do Consello da Cultura Galega, e durante moitos anos compañeiro de Hixinio Castillo no CEIP de Pazos de Reis.

Hixinio Castillo, popularmente coñecido como “Cali”, leva sobre trinta e cinco anos vivindo en Tui onde desenvolveu a súa actividade profesional como docente no C.E.I.P. de Pazos de Reis durante varias décadas. Nesta mostra recolle unha escolma da súa extensa produción artística, tanto con obras de debuxo como de pintura ao óleo, salienta especialmente unha serie dedicada ao Entroido, con representacións pictóricas de varios Entroidos tradicionais das terras de Ourense, Lugo e Portugal.

“Cali” defínese como un autor autodidacta no que atinxe ao debuxo, pois dende neno é unha das súas paixóns, aínda que apunta que “suspendín debuxo no instituto”. Dende hai vinte cinco anos leva aprendendo a pintar ao óleo, recibido e compartindo a formación con outros pintores e afeccionados.

Esta é a súa primeira gran exposición con cerca de oitenta obras. Anteriormente ten exposto na Sala “A Fábrica” de Allariz, en diversas agrupacións culturais de Ourense, así como varias mostras colectivas na Guarda e na zona do Baixo Miño.

Ten publicados debuxos seus no semanario “A Nosa Terra”, na revista literaria “Cuaderno del matemático” de Madrid e noutras publicacións periódicas. Para o CEIP de Pazos de Reis elaborou hai uns anos un libro sobre seres fantásticos, que foi editado por este centro escolar, que ten as súas aulas pintadas polo propio “Cali”.