Empatía Teatro con “Esas cousas marabillosas”

O venres 7 de novembro ás 21.00 h chega ao Teatro Municipal de Tui Empatía Teatro con “Esas cousas marabillosas”. Esta peza do dramaturgo e director Duncan MacMillan, traducida e dirixida por Avelino González, foi estreada en 2022 con Elisardo de la Cruz no Festival Internacional do monólogo de Narón.
“Esas cousas marabillosas” comeza cando o público entra na sala e é recibido polo actor que lles da a benvida, axúdaos a acomodarse e dálles un papeliño que vai formar parte do espectáculo. Contáse unha historia de case tres décadas que comeza cando a nai está no hospital. Nesa primeira parte, o fillo, que é o protagonista, e que nese momento ten sete anos, comeza a facer unha lista de todo o que é marabilloso no mundo e a deixa na almofada de mamá co título “Todas esas cousas marabillosas”.
Con moitos personaxes e moitas situacións, que se desenvolven coa axuda e a complicidade do público, constrúese esta peza tenra e emocionante sobre a depresión e ata onde chegamos pola xente que amamos.
-
Elenco: Elisardo de la Cruz
-
Director e tradutor: Avelino González
-
Directora en xira: Celia González
-
Xénero: Monólogo comedia
-
Recomendado: + 12 anos
-
Duración 65 minutos
As entradas teñen un prezo de 8€ e 6€.