Elefante Elegante con “Kyoki”
O venres, 8 de novembro, ás 19 h no Teatro Municipal Elefante Elegante presenta “Kyoki”.
KYOKI é un espectáculo sen palabras dirixido ao público infantil e familiar que trata temas como o esquecemento, a vellez e a soidade. KYOKI significa “demencia” en xaponés e refírese a unha alteración da capacidade para lembrar, pensar ou tomar decisións. Aínda que adoita afectar principalmente ás persoas maiores, quen non esqueceu algunha vez onde deixou a caixa das galletas ou puxo o xersei do revés por despiste?
KYOKI ofrece unha mirada cómplice, reflexiva e sensible ás experiencias tanto das persoas que precisan coidados como das propias coidadoras. A familia, as institucións médicas e sociais están representadas nos tres personaxes interpretados pola actriz principal: a avoa, a súa filla e a doutora.
A través dunha linguaxe xestual que se apoia na manipulación de obxectos e na interacción constante co espazo escénico, o espectáculo constrúe un universo cómico e poético, movéndose entre o realismo e a hipérbole da vida cotiá.
O xogo teatral baséase no traballo corporal da intérprete e na sincronización precisa dos xestos coa música instrumental orixinal. A secuencia dramática desenvolve unha narrativa onde a imaxe visual ocupa o centro da escena. A posta en escena está fundamentada na dinámica pictórica da organización espacial e nas accións físicas, que reflicten os desexos, sentimentos e estados emocionais dos personaxes.
Ficha artística
- Creación: María Torres e Gonçalo Guerreiro
- Dirección de escena e escenografía: Gonçalo Guerreiro
- Interpretación: María Torres
- Manipulación de obxectos: Mario Rodríguez
- Vestiario e Atrezzo: Carolina Díguele
- Composición musical: Manuel Fonte
- Iluminación: Nacho Martín
- Produción de arte e deseño gráfico: Carolina Díguele
- Fotografía: Vanessa Rábade
Duración_ 45 minutos
Xénero_ teatro xestual
Idioma_ galego
Recomendado_ + 3 anos
Prezos_4€ e 3€