Coloquio internacional ‘O Camiño Portugués. Pasado, presente e futuro dunha singular ruta xacobea’

Tui acollerá o xoves 5 e o venres 6 de novembro o coloquio internacional ‘O Camiño Portugués. Pasado, presente e futuro dunha singular ruta xacobea’. Este evento reunirá na cidade a investigadores, estudosos de universidades de Galicia e Portugal, hospitaleiros, representantes das asociacións de Amigos do Camiño e especialistas de diferentes ámbitos do coñecemento.
A cita está impulsada pola Xunta de Galicia, baixo a coordinación do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, e constitúe unha das actividades desenvolvidas no marco deste órgano, principal referencia científica internacional da Xunta en materia xacobea. Conta coa colaboración do Concello de Tui e da Diocese de Tui-Vigo.
Durante as dúas xornadas, as sesións abordarán diferentes dimensións do itinerario, desde a súa historia e patrimonio artístico ata o seu desenvolvemento económico e a evolución da ruta e da hospitalidade xacobea. Terá unha especial presenza a catedral de Tui, coincidindo co seu 800 aniversario, así como a evolución e as perspectivas de futuro do Camiño Portugués en Portugal e Galicia.
O programa permitirá tamén analizar o papel da hospitalidade xacobea como manifestación representativa do patrimonio cultural intanxible e as posibilidades de crecemento desta práctica ao longo do Camiño Portugués.
O coloquio está coordinado por Paulo Almeida, Melchor Fernández e Francisco Singul, membros do Comité Internacional de Expertos do Camiño do Santiago.
As persoas interesadas poden inscribirse no enderezo electrónico coloquio.camino.portugues@xunta.gal até o 31 de outubro.




