Centenario Manuel Lago González

Ó 18 de marzo deste ano 2025 cúmprese o centenario do pasamento do tudense Manuel Lago González (Tui, 1865 – Santiago de Compostela, 1925). O relixioso e escritor foi un dos organizadores dos Xogos Florais que se desenvolveron en Tui en 1891, os primeiros da historia integramente en galego.Foi xunto a a Manuel Murguía o autor dos dous discursos lidos no acto de constitución da Real Academia Galega (1906). Membro fundador da RAG, durante os anos en que foi bispo do El Burgo de Osma (Soria) perdeu a súa condición de académico, que recuperou en 1917 ao regresar a Galicia como bispo de Tui. Seis anos despois, en 1923 convertíase no primeiro arcebispo galego de Santiago de Compostela en cento vinte e cinco anos. Nesta nova etapa foi nomeado presidente honorario do Seminario de Estudos Galegos.O Día das Letras Galegas de 1973 estivo dedicado a Manuel Lago González.
O Concello de Tui organiza unha serie de actos para conmemorar este centenario.
O primeiro deles terá lugar o venres, 7 de marzo, ás 19 h no espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela. O acto, organizado conxuntamente coa Real Academia Galega contará coa intervención do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. Contarase amais coas intervencións académicas arredor da figura de Lago González de Andrés Torres Queiruga e Xesús Ferro Ruibal.
O programa inclúe a actuación musical de Eduardo Rodríguez Sobrino na gaita e Rubén López López ao piano, do Conservatorio Profesional de Música de Tui, que interpretarán composicións de José Torres para poemas do homenaxeado. Marga do Val dará lectura a poemas de Manuel Lago.