Butacazero con "Iribarne"
Butacazero presentará o venres, 11 de outubro, ás 21 h “Iribarne” no Teatro Municipal de Tui.
IRIBARNE é unha investigación escénica que explora a vida dun personaxe singular, nacido durante a Monarquía de Alfonso XIII. Con tan só un ano emigra a Cuba, onde vive o soño americano. Regresa triunfante, converténdose no fillo do alcalde. Comeza o bacharelato coa chegada da II República e, tras case converterse en cura durante a Guerra Civil, decide marchar a Madrid ao inicio da ditadura franquista, buscando seguir os pasos doutro galego ilustre.
Con ambición, chega a ocupar un cargo de Ministro baixo o mandato do Caudillo. O protagonista, sendo o mellor opositor de España, aspira a substituír ao ditador tras a súa morte, pero non logra o seu obxectivo xa que ese cargo non se obtiña por oposición, tendo que conformarse co título de Vicerrei na súa terra natal, Galicia.
A obra, a pesar de evocar a figura de Manuel Fraga, non é un biopic sobre el. Trátase dunha peza irreverente que tenta explicar o pasado recente de España a través dun político que, segundo as súas propias palabras, "dicía as verdades sen condón".
ButacaZero, a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, presenta esta obra no marco dun teatro que dialoga coa actualidade desde unha mirada crítica e irónica. A compañía, popularizada en 2016 coa estrea de Voaxa e Carmín na Mostra Internacional de Ribadavia, seguiu desenvolvendo proxectos diversos que abordan temas como o esquecemento, a identidade galega, a vida de María Casares, a violencia machista e a gordofobia.
A súa nova montaxe, IRIBARNE, en coprodución co Centro Dramático Nacional, marca unha nova etapa na traxectoria de ButacaZero.
Ficha Artística
- Elenco: Mónica García, Xurxo Cortázar, Anxo Outumuro, Lidia Veiga, Jorge De Arcos, e Esther F. Carrodeguas
- Coreografía e Ax. Dirección: Sabela Domínguez
- Espazo Sonoro: Berto
- Espazo Escénico: Xavier Castiñeira e Diego Valeiras
- Vestiario: Diego Valeiras
- Iluminación: Diego Vilar e Equipo Creativo Rta
- Audiovisuais: Pablo Fontenla
- Texto: Esther F. Carrodeguas
- Dirección: Xavier Castiñeira
Duración_ 3 horas (Descanso de 15 minutos)
Xénero_ Teatro
Idioma_Galego
Recomendado_ + 16 anos
Prezos_ 10€ e 7,5€