Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Barrosanta con "Ragazzo"

Data: 
19/07/2022
Lugar: 
Teatro Municipal

O Teatro Municipal de Tui acolle o próximo martes, 19 de xullo, ás 21.30 h a representación da obra teatral ‘Ragazzo’, interpretada por Anxo Outumuro,  dirixida por Xavier Castiñeira, e con dramaturxia de Lali Álvarez.

A peza de teatro, obra da produtora Barrosanta, conta a historia real de Carlo Giuliani, un mozo activista italiano de 23 anos que foi asasinado a mans da policía de Xénova o 20 de xullo de 2001 nunha manifestación contra o cumio do G8.

Na obra, que poderemos ver en Tui o próximo martes, acompañamos a “Ragazzo”, nun percorrido vital de tres días que permite afondar na súa personalidade, soñadora, idealista e reivindicativa ante a situación que está a vivir o mundo neses intres. Coa restrición de dereitos sociais máis grande que recorda o continente dende a Segunda Guerra Mundial. Malia iso Ragazzo  queda na cidade nun garaxe que okupa e acondiciona coma o seu fogar durmindo dentro do coche e cociñando no seu motor. De vacación ten tempo para ir a concertos, ler e escribir, cociñar, e incluso de namorarse… O seu destino cambiará cando toma a decisión de quedarse na columna dos desobedientes do Fórum Social da cidade, un espazo blindado para os líderes políticos mundiais que se dan cita nesa reunión do G8.

Que facer ante a ameaza, para que serve a violencia ou se é posible outro mundo son algunhas das inquedanzas que planteará a obra de teatro, unha oda á xuventude e á liberdade, un grito á vida, á dignificación das historias persoais e unha reivindicación da memoria colectiva.

A entrada para esta obra teatral é gratuíta non sendo precisa reserva previa.