Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Ainé Produccións presenta a Federico Pérez con “Xa que o sabes, voucho contar(e cantar)”

Data: 
7/02/2025
Lugar: 
Teatro Municipal

O venres, 7 de febreiro, ás 21 h o popular actor e monologuista Federico Pérez presenta no Teatro Municipal de Tui "Xa que o sabes, voucho contar (e cantar). Neste espectáculo levaranos de viaxe polas paisaxes da súa vida para coñecer algúns dos personaxes que o marcaron como cando nas películas do oeste se marcaban as vacas e os cabalos. E para iso, dará a súa versión dos feitos: de cando naceu, como se criou, da súa nai, do seu pai, da súa avoa, do lugar no que medrou, de onde está agora e, sobre todo, do lugar ao que, seguro, vai chegar: a morte. E ademais de contalo, vaino cantar interpretando cancións tradicionais da nosa cultura fusionadas coa maxia Lennon e McCartney ou a paixón de Frank Sinatra.

Federico Pérez é actor, monologuista e guionista. É licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago, comezou no audiovisual como lingüista en Mareas Vivas. Foi guionista antes ca actor e traballou neste eido en series como Terra de Miranda, Pequeno Hotel, O rei da comedia, As leis de Celavella ou Máxima Audiencia.

Como actor, é unha das caras habituais da TVG, participando en series como Padre Casares, Air Galicia, O show dos Tonechos, Libro de Familia ou Era visto!, que lle valeu diversas candidaturas a mellor actor nos Mestre Mateo. No cine, traballou en filmes como 18 comidas, Retornos, Mar adentro, Encallados, Trote (premio Mestre Mateo a Mellor Actor de Reparto), La sombra de la ley, Cuñados e, recentemente, en O corpo aberto, papel polo que volve gañar un Mestre Mateo a mellor actor de reparto. Sobre as táboas, destacan as obras O montacargas, Pataca minuta ou O florido pénsil.

Director, autor e elenco: Federico Pérez

Produción: Ainé Producións

Xénero: monólogo comedia   

Público: +16 anos        

Duración: 70 min                         

Idioma: Galego             

Prezos: 10 € - 7,5 €

Hora: 21.00 h

Entradas