Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Hoxe tomou posesión a nova corporación municipal e foi investido alcalde Enrique Cabaleiro

17/06/2023

A nova corporación municipal de Tui tomou posesión este mediodía no pleno celebrado no salón de sesións da casa do concello.

Enrique Cabaleiro do Partido Socialista, foi investido alcalde ao ser o candidato da lista máis votada o 28M.

A sesión comezou coa constitución da mesa de idade formada por José Martínez Tato e Pilar Gregores. A continuación e tras comprobar as credenciais tomaron posesión cada un dos concelleiros e concelleiras que xuraron ou prometeron o seu cargo.

De seguida procedeuse a votación de alcalde en sobre pechado e depositando o voto na urna establecida para este fin. Houbo 6 votos a favor de Enrique Cabaleiro, 6 de Nicolás Lorenzo Montes, 1 de José Manuel Palacín e 4 votos en Blanco.

Tras tomar posesión coma alcalde Enrique Cabaleiro tomou a palabra recordando aos "servidores públicos que en momentos especialmente difíciles serviron a este concello" recordou así e fixo unha homenaxe aos alcaldes que ocuparon o cargo de forma democrática dende 1812 mencionando a Francisco Rodríguez Caballero, Alejo Diz Jurado, Benito Pérez, Jose Garda, e Guillermo Vicente de Santiago, e se referiu tamén ao primeiro alcalde de Tui tras a aprobación da Constitución Ángel Álvarez Durán.

O salón de plenos estivo ateigado de persoas que quixeron presenciar en directo esta toma de posesión, entre eles moitos membros das diferentes candidaturas que se presentaron ás eleccións. Nas primeiras filas estiveron os excalcaldes de Tui, Miguel Angel Capón Rey e Moisés Rodríguez, e o presidente da Cámara de Valença, José Manuel Vaz Carpinteira.

Conforman a nova corporación municipal de Tui Enrique Cabaleiro González, Rafael Estévez Martínez,  Mª Sonsoles Vicente Solla, Ana María Nuñez Álvarez, Miguel Mendez Moreira e Ismael Diz Garrido do Partido Socialista; Nicolás Lorenzo Montes, María Dolores Soto Vilasuso, Dolores Múñiz Sanín, Anabel Solla Mas, Marcelino Enrique Cendón Vázquez e Pilar Gregores Álvarez do Partido Popular;  María Del Carmen Núñez Méndez, Ángela María Estévez González, Xosué Campos Lages e Xosé Martínez Tato do Bloque Nacionalista Galego, e José Manuel Palacín Rodríguez de Converxencia 21.