Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui lembrará o vinceiro Outono a Darío Álvarez Blázquez e Camilo Bargiela

20/07/2010

O CONCELLO DE TUI LEMBRARÁ NO VINDEIRO OUTONO  A DARIO ÁLVAREZ BLÁZQUEZ E CAMILO BARGIELA

 

Martes, 20 de xullo de 2010. A Concellería de Cultura do Concello de Tui lembrará, no vindeiro outono, a dúas importantes figuras tudenses das que neste ano 2010 cúmprense senllos centenarios: o escritor Camilo Bargiela e o médico Darío Álvarez Blázquez.

 

Camilo Bargiela, escritor e diplomático, morreu en Casablanca (Marrocos) o 1 de xullo de 1910, mentres que o médico e escritor Darío Álvarez Blázquez naceu na nosa cidade o 30 de setembro de 1910. Ambas son egrexias personalidades da vida tudense ás que o Concello de Tui quere rememorar ao longo deste ano.

 

Camilio Bargiela tiña nado en Tui o 25 de decembro de 1864, tras cursar Dereito en Santiago de Compostela, onde formou parte da tuna universitaria e cuxas andanzas foron recollidas por Pérez Lugín na novela “La Casa de la Troya” (que moitos atribúen, ao menos en parte, ao propio Bargiela), mudouse a Madrid onde preparou e gañou unha oposicións ao Corpo diplomático, pero estivo varios anos sen destino. Un tempo no que frecuentou tertulias e o ambiente bohemio daqueles anos. Compañeiro de Azorín, Baroja... integrante, como eles, da chamada “Generación do 98” ten deixado un pequeno número de obras publicadas, salienta especialmente o seu libro de contos “Luciérnagas”, e numerosos traballos periodísticos.

 

Darío Álvarez Blázquez, fillo de Darío Álvarez Limenes, residiu en Tui ata 1942 cando se traslada coa súa familia a Vigo tras os dramáticos anos da Guerra Civil aínda que mantivo sempre vida a súa relación co cidade tudense. Foi médico, con consulta propia na nosa cidade ao longo de moitos anos, afamado pola súa xenerosidade polo que foi chamado “médico dos pobres”. Dedicou a súa tese de doutoramento ao médico e filósofo tudense, do século XVI, Francisco Sánchez, publicando un libro ao respecto en 1964. Novelista e colaborador habitual na prensa, Dario Álvarez foi un humanista no amplo sentido do termo.

 

A Concellería de Cultura tudense ten acordado, hai xa algunhas datas, coa familia de Darío Álvarez Blázquez a celebración de diversos actos públicos no vindeiro outono para realizar unha homenaxe en lembranza deste importante tudense, que amosaron o seu agradecemento por esta iniciativa municipal. Para Moisés Rodríguez Pérez, a celebración destes centenarios contribuirá á divulgación da vida e obra deste dous singulares fillos de Tui. Para a Concellería de cultura é importantes a celebración destas conmemoracións pois pon en valor a importante achega que a cidade tudense ten realizado á cultura de Galicia nos diversos ámbitos, neste caso a través das figuras de Camilo Bargiela e Darío Álvarez Blázquez.