Situación e Poboación
O municipio de Tui está situado no suroeste de Galicia, asentado nun pequeno outeiro no val formado polo Monte Aloia e o Monte Faro, encravado en plena conca do Río Miño. Ten unha superficie de 68,3 quilómetros. Conta cooas parroquias de Areas, Baldráns, Caldelas, Guillarei, Malvas, Paramos, Pazos de Reis, Pexegueiro, Randufe, Rebordáns, Ribadelouro e Tui.
A situación xeográfica marca de xeito claro a vida deste concello fronteirizo, que ten reflexo no outro lado do Miño na veciña Valença, municipio co que actualmente forma a Eurocidade Tui - Valença
A súa altura media sobre o nivel do mar é de 44 m. O contexto xeográfico e climático de Tui é o do suroeste de Galicia, dentro da zona oceánica xeral, polo tanto cun clima suave tanto no inverno coma no verán
Tui está perfectamente comunicado por estrada, tanto co resto de Galicia coma con Portugal, a través da autoestrada AP9 e da autovía A-55. Ten dúas estacións de ferrocarril e está a menos de vinte minutos do Aeroporto de Peinador en Vigo e a escasa hora e media do aeroporto Sá Carneiro de Porto, en Portugal.
A comarca onde esta situado o Concello de Tui é o Baixo Miño, á que tamén pertencen Tomiño, O Rosal, A Guarda e Oia. Estes municipios o igual que Tui contan cun gran atractivo turístico, conformando unha comarca natural marcada polo río Miño, de grandes atractivos naturais e paisaxísticos. Esta situación permite achegarse desde Tui á costa atlántica en apenas trinta minutos
Tui é a entrada a Galicia do Camiño Portugués de Santiago, porta de acceso para miles de peregrinos que cada ano elixen esta ruta xacobea.
Tui conta cunha poboación a 1 de xaneiro de 2022 de 17.375 habitantes (datos INE).