Tui despide o ano con deporte, festa, e solidariedade
Tui despedirá mañá o ano coa celebración da IV San Silvestre Tudense, unha proba deportiva, festiva e solidaria, que reunirá a dúas mil persoas nun percorrido urbano que realizarán correndo, andando ou practicando marcha nórdica. Dende ás 9 h e até ás 10.20 h as persoas inscritas poderán recoller o seu dorsal no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela. A proba ten carácter solidario coa Asociación Española contra o Cancro polo que aquelas persoas que desexen realizar de forma voluntaria unha doazón poderán facelo nos petos dispoñibles na recollida de dorsais.




