Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A próxima semana o Concello adxudicará a retirada do amianto o estudo de xestión de residuos, paso previo ao desentullo

16/06/2018

O alcalde solicitará o luns unha reunión urxente co delegado do goberno en Galicia

O Concello de Tui contratará a próxima semana a retirada do amianto na zona afectada pola explosión de Paramos.  Unha vez adxudicado este traballo, cun orzamento que poderá superar os 300 mil euros, a retirada deste material contaminante realizarase dende a área máis alonxada do punto da explosión até chegar a zona cero, onde terase que contar coa autorización da xuíza que leva o caso.  Tamén a próxima semana será contratado o estudio para xestión de residuos, documento preciso para poder levar a cabo o desentullo. Así o explicou esta mañá aos afectados o alcalde, Carlos Vázquez Padín, na reunión celebrada no Centro Cultural de Guillarei , na que estivo acompañado polo concelleiro de Seguridade, Antonio Castro, o xerente urbanístico, Rubén Vázquez, e a traballadora social, Carmen González. O obxectivo do encontro foi informalos dos distintos pasos que se están a dar na xestión desta catástrofe e que “o concello está implicado ao máximo en axudalos e resolver o grave problema que teñen” mantendo unha interlocución directa cos veciños afectados, dicía Carlos Vázquez Padín.

O mandatario tudense fixo fincapé na necesidade da declaración de Zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil, que corresponde ao goberno central, motivo polo que o luns solicitará unha entrevista urxente co novo delegado do goberno en Galicia. Onte precisamente o rexedor remitiu unha carta ao presidente do goberno convidándoo a visitar Tui para coñecer de primeira man a zona afectada. Engadía Carlos Vázquez Padín que “a semana que ven é clave para que a interlocución co goberno central avance”.

Cruz Vermella prestará atención psicolóxica aos afectados

Na reunión tamén se deu conta da atención psicolóxica que Cruz Vermella vai prestar aos afectados. O próximo martes, na reunión convocada pola Plataforma de Afectados no local das Penizas, ás 21h dous psicólogos de Cruz Vermella explicarán aos asistentes que é o estres post traumático. A partir de aí, e en función da demanda dos afectados, establecerase atención psicolóxica individualizada por parte dos psicólogos de Cruz Vermella no Centro de Afectados de Tui.

Asesoramento individualizado no Centro de Afectados

No transcurso da reunión fíxose fincapé na importancia de que os afectados realicen as súas consultas individualizadas no Centro de Afectados onde os asesorarán sobre cada caso concreto e situación particular tanto nas tramitacións para poder realizar as obras de reconstrución como para a solicitude das axudas que nestes momentos están convocadas. Sobre este último asunto cómpre lembrar que o luns comeza o prazo para solicitar as axudas establecidas polo Concello de Tui con cargo ao Fondo de Emerxencia destinadas  ás vivendas, primeiras necesidades e transporte. E se fixo fincapé en que esta semana remata o prazo para solicitar as axudas do Real Decreto 307/2005, polo que os afectados deberán tramitalas até o xoves no Centro de Afectados, xa que o venres serán entregadas todas as solicitudes na subdelegación do goberno.  Lembrouse con respecto as subvención do IGVS que o prazo para as achegas para vivendas é de 3 meses, pero para alugueiro é de 2 meses, facendo fincapé que estas últimas deben solicitalas xa tamén aqueles afectados aos que os seus seguros lles cubran neste intre o alugueiro por un período de tempo inferior aos dous anos, para que unha vez pase ese prazo poida entrar en vigor as establecidas pola Xunta.

O alcalde rematou a reunión convocando aos afectados a unha nova reunión o sábado 30 deste mes, ás 10.30h, no Centro Cultural de Guillarei.