Preto de 70 mulleres empresarias, emprendedoras e directivas galegas e portuguesas conectaron en Tui
Foi no networking organizado no ámbito da Eurocidade Tui-Valença dentro da programación do 8M
Exitoso balance do networking “Mulleres Conectadas” celebrado o pasado venres na aula da UNED de Tui no que participaron preto de 70 mulleres de Galicia e Portugal. Esta actividade formou parte da programación do 8M, Día Internacional da Muller, ampliando este ano o seu ámbito á Eurocidade Tui-Valença.
Foi unha mañá de aprendizaxe e coñecemento a través de encontros, de intercambio de experiencias, de iniciativas postas en común e de historias doutras mulleres cuxos proxectos de vida ou empresariais serviron de inspiración para as asistentes.
Dende primeira hora da mañá e até o mediodía mulleres empresarias, directivas e emprendedoras, de diferentes sectores e pertencentes a distintas xeracións compartiron coñecementos, inquedanzas, proxectos, experiencias e obxectivos, dando lugar a novas relacións profesionais, pero tamén para axudar a outras mulleres a desenvolver as súas habilidades e avanzar nos seus proxectos profesionais.
A concelleira de Igualdade e Emprego de Tui, Ana Núñez xunto á vicepresidenta da Cámara de Valença, Ana Paula Xavier, deu a benvida ás participantes, reflexionando sobre o importante papel da muller emprendedora, líder ou empresaria na economía e na sociedade e facendo un balance dos logros acadados e dos importantes retos que aínda están por conseguir para acadar reducir as brechas de xénero no eido empresarial. Incidía tamén na necesidade de establecer redes de colaboración feminina especialmente nos entornos rurais onde ademais se poidan visibilizar outros casos de éxito da cultura empresarial feminina. No mesmo senso pronunciouse a vereadora da Cámara de Valença, Ana Paula Xavier, quen destacou amais a importancia de estar moi atentas a todo o conseguido porque a situación pode mudar radicalmente en pouco tempo, así mesmo engadía a importancia de crear sinerxías entre mulleres de ambos lados da fronteira, tendo en conta a súa complementariedade e potencialidade.
Ademais das dinámicas realizadas para facilitar a conexión entre elas, no networking tamén se visibilizou o liderato feminino a través de unha mesa de experiencias de mulleres de España e Portugal, onde a través dos relatos reais de mulleres donas do seu destino, do seu tempo e do seu traballo inspiraron e empoderaron coas súas historias de vida e superación a todas as asistentes. Participaron como convidadas a este evento a alpinista Chus Lago, primeira muller española en acadar o cumio do Everest sen osíxeno. A súa experiencia profesional cargada de perseverancia, resiliencia e superación persoal foi un pulmón de osíxeno e inspiración. O broche final a esta xornada correu a cargo da actriz e humorista Arantxa Treus, que a través do seu monólogo de humor en clave feminista “Sexo débil …o carallo!” desvelou sen tapuxos vivencias, anécdotas e miserias da súa propia vida e da de calquera muller… desvelando as claves para ser muller e non morrer no intento.
Pecharon o acto a concelleira de Igualdade e Emprego de Tui, Ana Núñez e a vicepresidenta da Cámara de Valença agradecendo a todas as mulleres a súa participación e comprometéndose a seguir apostando por este evento no marco da Eurocidade “porque cada vez somos máis e faise máis necesario compartir, apoiar e medrar creando redes”. Concluían ambas edís cunha “valoración moi positiva e enriquecedora a desta terceira edición de “Mulleres conectadas” que permitiu as preto de setenta participantes ampliar os seus horizontes, coñecer proxectos femininos de éxito e conectar con outras mulleres cuxa experiencia vital ou profesional pode ser unha valiosa guía ou fonte de inspiración”.