Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O delegado da Xunta e o alcalde de Tui comproban o avance das obras de execución da escola infantil de Tui.

30/05/2013

 

Destacaron que os traballos poderían rematar ao longo do período estival

O centro contará con 82 prazas e seis unidades e ten un orzamento de 730.000 euros

 

Mércores, 29 de maio de 2013.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Tui co obxectivo de comprobar o avance das obras de execución da nova Escola Infantil deste municipio acompañado polo alcalde da cidade, Moisés Rodríguez Perez

 

Cores Tourís destacou o “avanzados que se atopan os traballados” e asegurou que, segundo apunta a propia empresa, “poderían rematarse ao longo da época estival”. O obxectivo, sería, a partir do remate das obras, levar a cabo a instalación do mobiliario e o equipamento e a contratación do persoal.

 

En total, ofreceranse 82 prazas públicas de gardería nun concello que, na actualidade, só conta con servizos similares de carácter privado. “En total, o novo centro, que supuxo un investimento de 730.000 euros, contará con seis unidades para nenos de entre 0 e 3 anos e dará servizo a unha poboación importante dun municipio eminentemente xoven, no que o 35% dos veciños teñen menos de 30 anos”.

 

Na visita estiveron tamén presentes representantes da empresa adxudicataria, CRC Construtora, e da asistencia técnica, Enmacosa, así como o arquitecto da obra, Óscar Sánchez.

 

O delegado territorial destacou que o obxectivo da Consellería de Traballo e Benestar é poder abrir este servizo no último cuadrimestre do ano.

 

Pola súa banda, o alcalde da localidade, Moisés Rodríguez, agradeceu a colaboración da Xunta para a execución desta gardería e destacou “a colaboración entre administracións, tanto educativas como sanitarias, que permitiu poñer en marcha este proxecto, vencendo todas as dificultades”. Deste xeito podemos anunciar á cidadanía que para o próximo curso contarán cunha nova escola infantil aberta na localidade”.

 

Finalmente, José Manuel Cores Tourís, tamén agradeceu ao concello, “e en especial ao seu alcalde, que traballou arreo para conseguir que este proxecto sexa unha realidade”.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra insistiu en que a nova escola infantil “contribuirá decisivamente a mellorar a calidade de vida das familias deste municipio”, xa que “poderán estar máis preto da conciliación da vida persoal, laboral e familiar.  Dar resposta á demanda de prazas en educación infantil é unha ferramenta fundamental para favorecer as familias galegas”.