Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O alcalde desminte as afirmacións da subdelegación do goberno e fai un chamamento a todas as administracións a buscar puntos de encontro para acometer o desentullo da zona cero de Paramos

29/11/2018

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, fixo hoxe un chamamento público a todas á subdelegación do goberno e a todas  as administracións a ter unha xuntanza para poder buscar puntos de encontro para acometer o desentullo da zona cero de Paramos. Indicaba que a actual situación a quen máis prexudica é aos propios veciños de Paramos e de Tui. Insistía en reivindicar unha mínima lealdade entre institucións, e avanzaba que “farei pola miña parte un esforzo para tentar restablecer pontes de comunicación” afirmaba o rexedor tudense.

Por outra parte o alcalde sae ao paso das puntualizacións realizadas hoxe nun comunicado pola subdelegación do goberno. En concreto lembra que o Concello de Tui entregou hai dous meses e medio o proxecto para acometer o desentullo da zona cero e “aínda estamos agardando a que se realicen os trámites administrativos necesarios para poder executar o desentullo” e insistiu na urxencia que ten esta actuación para que os veciños poidan reconstruír as súas casas.  Tamén indicaba “cando menos xa que a proposta de facer un protocolo” parte do Ministerio, debería ser o goberno central quen envíe un borrador  ao Concello. 

Por outra parte apunta o rexedor que as cinco cartas remitidas a Madrid non tiveron resposta até o día seguinte de que el estivo ante o Ministerio de Política Territorial para protestar pola situación Por iso dicía “é moi inxusto que se lle reproche a este alcalde que non teña tido tentos de comunicación co goberno central, máis ben o contrario é o goberno central, en particular a subdelegación quen non se ten preocupado moito de informar ao concello de Tui dos pasos que estaba dando”.  Tamén afirma Carlos Vázquez Padín que é “absurdo que se me acuse de obstruccionismo na petición dunhas axudas cando o Concello de Tui é o primeiro interesado, xa que está pedindo recuperar un diñeiro que investiu no desamiantado”. Precisa neste caso que ao principio o que aconteceu é que estaban pedindo facturas que aínda non estaban dispoñibles porque non se rematara o desamiantado.  

Apunta tamén que se é o goberno central quen propón asinar un convenio, tamén é a súa responsabilidade propor ese convenio. Outra cousa dicía é que “nós non esteamos de acordo con esa información que sae en medios e non se nos comunicou de forma directa”.

Tamén afirma o rexedor tudense que non é verdade que dende o Concello non se puxeran en contacto coa subdelegación porque en relación coa actuación na pirotecnia de Baldráns enviaron un correo electrónico o 3 outubro solicitando unha reunión para coordinar o desaloxo da pirotecnia “que non obtivo ningún tipo de reposta” e un asesor xurídico do Concello estivo na subdelegación e non foi atendido.

Por último sobre o auto do Xulgado Contencioso Administrativo de Pontevedra insiste o alcalde no recollido con respecto a que o Concello se debe pór en contacto coa subdelegación para coordinar o desaloxo, e indicando que serán os TEDAX os que trasladarán e eliminarán o material pirotécnico e explosivo.  Engade que o prazo de dez días para executar o desaloxo que marca o xuíz se cumpren mañá venres, e será mañá cando aínda entreguen un cronograma de cómo se fará o desaloxo “non están cumprindo o auto xudicial e iso nos vai comer tempo de cara a execución da sentenza”.