Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A exposición "A Divina Comedia" de Salvador Dalí atrae a máis de 700 visitantes en Tui

14/10/2009

A EXPOSICIÓN "A DIVINA COMEDIA" DE SALVADOR DALÍ ATRAE A MÁIS DE 700 VISITANTES EN TUI

 A obra, que consta de 100 xilografías dun enorme poder visual e desbordante imaxinación, foi realizada polo autor catalán a principios dos anos 60

Mércores, 14 de outubro de 2009. A exposición "A Divina Comedia" de Salvador Dalí está a atraer a numerosos visitantes neste días á localidade de Tui. Dende principios de mes a colección pode ser visitada na Sala de Exposicións (Edificio Área Panorámica), onde os interesados poden gozar das 100 xilografías desta mostra do artista catalán baseada no texto clásico de Dante. "A Divina Comedia" data de 1960-1964 e pode ser visitada na cidade grazas á colaboración do Concello de Tui e Caixanova. Dende a súa apertura foron máis de 700 os visitantes, que se multiplicaron na fin de semana e o luns festivo.

Aquelas persoas que desexen gozar desta exposición poderán facelo en horario de apertura da Sala Municipal de Exposicións entre 09:00  e 14:00 horas e pola tarde de 16:30 a 20:30 horas e de 17:00 a 20:30 horas os domingos e festivos. A mostra poderá ser visitada ata o vindeiro 25 de Outubro, data da  súa clausura.

A Concellería de Cultura de Tui alédase de poder mostrar a creación duns dos artistas españois máis destacados das vangardas do século XX e en palabras do concelleiro Moisés Rodríguez, "é un honor para a cidade de Tui poder expoñer unha colección dunha das personaxes máis recoñecidas da pintura surrealista e das vangardas internacionais do SXX como é Salvador Dalí". 

A Divina Comedia de Dalí hai que situala no contexto da evolución do pintor que desde os anos corenta estaba xa totalmente apartado do grupo surrealista, e tras a súa marcha a Estados Unidos, comeza unha época marcada polo misticismo que vai mostrar no Cristo de Port Lligat (1949), no Cristo de San Juan da Cruz (1951) e nas ilustracións da Divina Comedia, algunhas das súas creacións máis relevantes.

Influencia renacentista e barroca

A obra de Dalí deste período conserva o seu indiscutible virtuosismo que manifestara na súa etapa de adscrición ao surrealismo, pero agora o pintor acentuará o efectivismo e recreará os grandes mestres do Renacemento e do Barroco en clave surrealista, como é o caso de Rafael, Piero Della Francesca, Vermeer, Velázquez, Zurbarán ou Miguel Anxo, que son referencias de múltiples obras do artista e cuxos temas retomará de modos diversos.

A influencia da pintura italiana do Renacemento, o impacto do lanzamento da bomba atómica e o misticismo relixioso está moi presente na súa obra deste momento, que se expresa con claridade no seu "Manifesto Místico" (1951), unha expresión clara dunha evolución pola que se chega a declarar exsurrealista e que terá a súa concreción en obras de carácter sacra, entre as que destacan as 100 xilografías da Divina Comedia.

Como é ben coñecido, A DIVINA COMEDIA é unha das obras máis importantes da literatura universal, escrita en romance italiano por Dante Alighieri (1265-1321) entre 1307 e 1321. Dividida en tres partes: "Inferno", "Purgatorio" e "Paraíso", cada parte está á súa vez composta de 33 cantos, excepto o inferno que ten 34. Na obra de Dante, conducido polo poeta latino Virgilio, percorre os nove círculos do inferno, e chega ao cume do purgatorio onde se reúne coa súa amada Beatriz que lle vai a acompañar até o paraíso.

As ilustracións do pintor catalán mostran aspectos de Dante no seu percorrido polo inferno, onde é detido pola luxuria, a soberbia e a avaricia. Beatriz, o seu gran amor, envía na súa axuda ao poeta Virgilio que lle guía por onde moran os seres atormentados, embarcando despois cara ao purgatorio e ao final á contemplación celestial.

Salvador Dalí capta esa calidade visualmente cinematográfica que ten o texto de Dante e ilustra pormenorizadamente esta viaxe como unha ascensión mística, realizando 100 xilografías a cor nas que o pintor xoga coa multiplicidade que contrasta cun preciso estudo das representacións humanas, como se pode observar nos pliegues clásicos das súas figuras. Segue pois o pintor, a descrición dos motivos narrativos do poema de Dante e recréaas na súa característica linguaxe realista que dá forma corporal ao espiritual.