Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O VI Ciclo de Concerto no Claustro da S. I. Catedral ten coma fío condutor o Camiño de Santiago

18/08/2010

Celebrarase do 24 ao 28 de agosto ás 21h con entrada libre

O VI Ciclo de Concerto no Claustro da S. I. Catedral ten coma fío condutor  o Camiño de Santiago

 

 

Martes, 17 de agosto de 2010. O Claustro gótico da S.I. Catedral de Tui acollerá do 24 ao 28 de agosto o VI Ciclo de concertos neste espazo que brindará ao longo destes cinco días unha serie de evento que este ano teñen coma fío condutor o Camiño de Santiago.

 

Este evento foi presentado esta mañá na sancristía catedralicia por Samuel Diz, Director Artístico do Ciclo, xunto a Don Ricardo García, Deán da Catedral, e Moisés Rodríguez, Concelleiro de Cultura de Tui.

 

Samuel Diz destacou en primeiro lugar na súa intervención a celebración desta sexta edición nos momentos nos que nos atopamos onde moitos eventos se ven condenados a desaparecer o cando menos a facer un alto no camiño. Afortunadamente o ciclo continua cun ambicioso programa cheo de novidades. Unha delas é o seu fío condutor,o Camiño de Santiago, que dende o século XIII trouxo distintos cultural á Península Ibérica e que indicaba “forman a nova vida actual”. Por outra destacou o apoio aos músicos da zona presentando coma novidade no programa as obras de sete compositores galegos contemporáneos. Salientou amais a colaboración co Concurso de Corais que organiza a Catedral no Nadal e coas Xornadas Europeas da Cultura Xudía.

 

Xa no que os concertos se refire o primeiro deles, o martes 24, correrá a cargo de Teresa Gómez e Alba Barreiro cunha selección de música medieval de Martín Codax e Alfonso X, que xunto a unha selección de música tradicional galega interpretarán con zanfona e arpa. O mércores 25 será a quenda do Projecto de Foles integrado por cinco ex alumnos do Conservatorio Superior de Música de Vigo que exploran as novas posibilidade da gaita cun novo repertorio.  O xoves 26 será o propio Samuel Diz quen ofreza un concerto multidisciplinar no que na primeira parte dará forma a obras de Mompou, Xabier Mariño e Oswaldo Oro. Na segunda parte renderán unha homenaxe a José Saramago co seu conto “La flor más grande del mundo” recitado por Aloia Martínez, e con ilustracións de Álvaro Reinoso. Xa o venres 27 Ana Alcaide con voz, nychelarpa e mandola acompañada por Rafael Teso ofrecerá un concerto de música sefardí. Pecha o ciclo o Coro Apóstol Santiago, gañador da última edición do Certame de Corais da Catedral, o sábado 28 ás 21h.

 

De xeito paralelo cada día previamente ao concerto principal ofrecerán un pequeno concerto diferente alumnos do Conservatorio de Tui.  O xoves será a quenda do Grupo de Música Tradicional, o venres do Grupo de vento metal e o sábado do dúo de violíns formado polas irmás Sara e Raquel Areal. Precisamente para estes xoves intérpretes JL Música ofrecerá dúas becas con todo o material que poidan precisar ao longo do curso dous destes músicos.

 

Os concertos comezarán cada día ás 21h con entrada gratuíta.

 

Outra das novidade deste ano chega baixo o título de “La mirada dibujada” un proxecto no que o artista Álvaro Reinoso creará cada día un diario de concerto plasmando en ilustracións aquilo que estes eventos e os seus intérpretes lle suxiran.

 

O deán da Catedral, Don Ricardo García, lembrou cal era a idea coa que partiu este ciclo de concerto, que non era outra que “promover e dar a coñecer aos músicos xoves da canteira local” xunto a “dar a coñecer a riqueza do claustro coma espazo sonoro”. Don Ricardo García amosouse satisfeito pola continuidade desa filosofía inicial.

 

Por último o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, destacou a importancia deste ciclo de concertos que dicía ten que consolidarse hai que seguir apostando por ela. Engadía que este evento “non se podería levar a cabo sen o espírito de Samuel e o apoio incondicional de Don Ricardo”.

 

Toda a información sobre este sexto ciclo de concertos podemos atopala na súa web en www.musicaenelclaustro.com