Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui recupera o banquete rexionalista dos Xogos Florais o vindeiro 26 de xuño

10/06/2010

TUI RECUPERA O VINDEIRO 26 DE XUÑO O "BANQUETE REXIONALISTA" CELEBRADO CO GALLO DOS XOGOS FLORAIS DE GALICIA EN 1891

 

A vella cidade de Tui recuperará este ano, ao abiero do programa do CXIX aniversario da celebración dos Xogos Florais de Galicia, a celebración do "banquete rexionalista" que tivo lugar na nosa cidade o 26 de xuño de 1891 como remate daquel acontecemento cultural, que foi un fito na historia de Galicia ao ser o primeiro acto público desenvolvido íntegramente en lingua galega.

Gracias a unha iniciativa conxunta do Parador de Turismo "San Telmo" e a Concellería de Cultura do Concello tudense pódese recuperar este banquete "rexionalista" en homenaxe á cultura e a lingua galega que tivo lugar no Teatro Principal tudense como acto de clausura dos Xogos Florais de Galicia o 26 de xuño de 1891. Naquel banquete participaron sesenta personas e tomaron a palabra, entre outras personalidades, Enrique Lens, o poeta tudense Díaz Spuch, Manuel Lago González, Salvador Cabeza de León, o presidente da Xunta Rexionalista de Tui, Manuel Fernández Herba, xunto con Alfredo Brañas e, finalmente, Manuel Murguía.

Desta volta o 26 de xuño ás 22,00 horas o Parador de Turismo "San Telmo" acollerá de novo este banquete em homenaxe á cultura e á língua galega, recuperando integramente a carta daquel acto de 1891. En concreto o menu foi, e será de novo, o seguinte:

            - sopa fina

            - raxo con cogordos

            - salmón á alicantina

            - polos salteados

            - langosta á rusa

            - pastel de pichós

            - filetes á xardineira

            - helados

            - pavo con cogordos

            - budin con ron

            - pastelón á inglesa

Todo acompañado con "viño vello da terriña", "xerés", "campagne" e para rematar "puros da Habana".

As personas interesadas en participar neste banquete, que será servido na modalidade de "bouffet libre", poden retirar o correspondente convite no Parador de Turismo de Tui a un prezo de 39,00 euros, xa personalmente ou realizar a reserva a través do teléfono 986.600.300 ou do correo electrónico: tui@parador.es

O Concello de Tui ven rememorando, nos últimos anos, a celebración na nosa cidade o 24 de xuño de 1891 dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público realizado íntegramente na nosa lingua, e que organizados pola Asamblea Rexionalista Galega premiaban composicións en galego e castelán de diversos xéneros, como no caso tudense, a poesía. O primeiro presidente da institución, Manuel Murguía converteríase aquel día no primeiro intelectual en dirixirse ao público en galego, lendo un discurso que constitúe un compendio do seu pensamento historicista e reivindicador sinalando que o principal obxectivo era "o renacemento dunha nacionalidade case morta e esquecida por medio da literatura, das tradicións e da historia".

Na cidade de Tui unha Xunta Rexionalista integrada por Manuel Fernández de Herva, como presidente, xunto a Eduardo Caballero Canals, o coengo Antonino Cerviño González, Juan Areses Alonso, o tamén coengo Manuel Lago González, Juan Ávarez Cordero, Indalecio Rodríguez de Córdoba, Justo Salvador Fortes, Leoncio Comesaña González, Vicente García Rivera e Martín Díaz Spuch, organizaron, como representantes do Consistorio dos Xogos un amplo programa que supuxo incluso o traslado das festas patronais de San Telmo. Do amplo programa desenvolvido salienta o propio acto dos Xogos, xunto a un concurso de gaiteiros, a función solemene de San Telmo, patrón da cidade, na Catedral tudense coa actuación da orquestra catedralicia dixirxa polo mestre Manuel Martínez Posse e como clausura o devandito banquete.

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, a recuperación deste banquete é un xeito de recuperar un aspecto significativo da vida colectiva de Galicia, e que ten o seu lugar na historia da gastronomia de Galicia. Rodriguez Pérez agradece especialmente ao Parador de Turismo de Tui a súa iniciativa de promover a recuperación desta festa en homenaxe á cultura de Galicia. Finalmente, o concelleiro tudense anuncia que en datas inmediatas será presentado o programa de actos que contará cun recital poético o 24 de xuño a cargo de relavantes poetas de Galicia.