Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Xornada de debuxo sobre o Tui xudeu o sábado 16

8/09/2023

Está organizada polo Colectivo Urban Sketchers de Galicia dentro da programación ‘Setembro Xudeu en Tui’

Dentro da programación ‘Setembro Xudeu en Tui’ o sábado 16 deste mes terá lugar un encontro de debuxo sobre o Tui xudeu organizado polo colectivo Urban Sketchers coa colaboración da concellería de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui.  Desenvolverase nas vellas rúas do conxunto histórico onde hai séculos viviron os integrantes das comunidades xudías e criptoxudías.

Nesta xuntanza participaran preto de setenta debuxantes dos seis principais grupos de debuxo urbano de Galicia e dos grupos urban sketchers máis próximos de Portugal. Así estarán o sábado 16 en Tui USK Rías Baixas, debuxantes de Vigo, que organizan encontros tamén en Pontevedra e o Morrazo; Vigo Drawing Group, debuxantes locais e estranxeiros de fala inglesa en Vigo; Urban sketchers Val Miñor, de Baiona, Nigrán e Gondomar; Boscquejeros, de Santiago; DibuxOU, de Ourense; USKoruña, da Coruña; USKMinho, de Valença e POSK Porto Urban Sketch, de Porto.

Tras esta xornada de debuxo en Tui os sketchers subirán os seus debuxos ás redes sociais co obxectivo de visibilizar o patrimonio cultural tudense. Tamén incide no proxecto de debuxar o ronsel da presenza da cultura xudía na Península Ibérica que conta en Facebook co grupo Sketches da herança cultural Judaica, na Europa, e do Israel

Nanda Cabaleiro e Araceli B Gato, responsables desta iniciativa prevista para o sábado 16 en Tui explicaba que “somos debuxantes urbanos, levamos a pé de rúa a arte, visitando as rúas das nosas cidades e convidando aos cidadáns a participar dunha maneira aberta e gratuíta. Ademais, fomentamos a visibilidade das contornas compartindo en rede os nosos debuxos e pinturas”. Engaden que “somos grupos interculturais, interxeracionais, coa máxima de compartir respectando o individuo único que cada un é”. A agrupación destes distintos grupos de debuxo xorde debido á irmandade entre Galicia e Portugal que senten todos os integrantes e que deron lugar xa a encontros tanto en Portugal como en Galicia, como o realizado pasado 11 de xuño en Valença o día 11 de xuño.

A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana María Núñez Álvarez, agradece esta iniciativa dos colectivos urban sketchers de Galicia e Portugal para desenvolver esta xornada de debuxo en Tui pois contribúe a valorización e difusión do noso patrimonio cultural promovendo unha actividade que achegara ata Tui a un nutrido grupos de debuxantes que recolleran nas súas obras o legado que atesoura o conxunto histórico de Tui.

O programa deste encontro é o seguinte:

  • 10.00 h Quedada na porta da Casa do Concello e presentación dos grupos participantes
  • 10.30 h Visita guiada polo patrimonio xudeu de Tui (opcional)
  • 11.30 h Debuxamos a xudería
  • 13.30 h Foto de grupo nas escadas da Catedral
  • 16.30 h Encontro na Oficina de Turismo e debuxamos o conxunto histórico
  • 18.30 h Foto final do grupo diante da Oficina de Turismo

As persoas interesadas en participar deben inscribirse no correo  farodascores@gmail.com. O sábado 16 deberán levar os seus materiais de debuxo.