Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Visitan Tui os membros de International National Trusts Organizatión

19/04/2013

Rematan na nosa cidade un famtrip para coñecer a oferta de turismo cultural de Galicia

 

Venres, 19 de abril de 2013.  O Concello de Tui acolleu esta mañá  a un grupo de expertos da International National Trusts Organization (INTO) que rematan na nosa cidade unha viaxe de familiarización con Galicia para coñecer o seu patrimonio cultural. Este grupo de expertos realiza este fan trip baixo a dirección da asociación “Tesouros de Galicia”.

 

A concelleira de cultura, Vanesa Rodríguez Pereira, agasallou a este grupo de expertos que se achegaron á nosa cidade agradecendo o seu interese e amosoulles o traballo que se realiza dende o goberno municipal pola revitalización e promoción do noso conxunto histórico.

 

INTO é unha rede de 60 organizacións, entre elas Tesouros de Galicia, que sirve de canle de comunicación e foro para compartir experiencias e proxectos turísticos e de voluntariado arredor do compromiso compartido de conservación e mantemento do patrimonio común tanxible e intanxible.

 

Esta viaxe de familiarización constitúe un xeito de promocionar o turismo cultural de Galicia no ámbito internacional e, de xeito máis concreto, no Reino Unido. Esta viaxe de familiarización para os expertos de INTO tenta mostrar a riqueza patrimonial de Galicia e a capacidade para xestionarse de xeito sustentable. Deste xeito, combinarase o achegamento á historia de Galicia a través da súa herdanza cultural, combinando espazos populares con actividades e experiencias baseadas no patrimonio, con visitas nocturnas, sesións de termalismo ou catas de viños.

 

Este grupo tivo especial interese en visitar á nosa cidade tanto polo seu importante acervo cultural, coa Catedral e o conxunto histórico, como principais referentes como tamén interesados pola iniciativa de creación da Eurocidade Tui – Valença como unha novidosa experiencia de cooperación e promoción, tamén no ámbito turístico.

 

A estadía en Galicia dos expertos internacionais que integran INTO coincide coa celebración anual do Día Internacional dos Monumentos e Sitios que se celebrou onte, día 18 de abril.