Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Un centenar de persoas participarán este sábado no II Encontro Máster Internacional de Remo

24/08/2012

Está organizado polo Club Remo Tui coa colaboración do Concello

 

Este sábado celébrase en Tui o II Encontro Máster Internacional de Remo organizado polo Club Remo Tui coa colaboración do Concello de Tui.

 

Esta actividade foi presentada esta maña na Casa do Concello polo concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, e o presidente do Club Remo Tui, Francisco Javier Álvarez, acompañados polos edís Vanesa Rodríguez e José Ángel Villaverde.

Trátase dun evento lúdico-deportivo que se celebrará na modalidade de 8 con temoneiro na categoría máster a partir dos 30 anos.  Ata o momento están inscritos 8 clubs de Galicia e Portugal cun centenar de participantes. A proba comezará ás seis da tarde, a saída será dende a vella Ponte Internacional e a liña de meta situarase diante do Centro Interfederado, co que deberán completar 450 metros de percorrido.

O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, explicaba que “dende o concello quérese dar continuidade a esta proba porque hai que facilitar a persoas de todas as idades a práctica deportiva”. Sinala o edil que por parte da concellería de Deportes “a aposta é clara e decidida de apoiar os deportes de río. Tivemos o Descenso Internacional do río Miño, seguimos co Campionato de España de Piragüismo, e culminamos agora este mes de agosto con tantos deportes e competicións cunha proba de remo”.

O presidente do Club Remo Tui, Francisco Javier Álvarez, comezaba por agradecer o patrocinio do concello nesta proba. Explicaba que será unha regata moi vistosa de Oito con temoneiro que é a proba raíña do remo.  Como novidades destacaba a presenza de dous 8 formados por mulleres ao que se podería sumar un terceiro que están intentando formar, para facer así unha regata só de damas.  Na categoría masculina en función dos participantes finais haberá tamén varias regatas  Por parte do Club Remo Tui explicaba que vai participar o barco veterano que leva 10 anos competindo, ao que se sumarán probablemente un parte de embarcacións máis.

O Club Remo Tui creouse hai 3 anos que contaba ao principio con 12 fichas deportivas, tras a organización o ano pasado do I Encontro Máster de Remo, segundo o seu presidente Francisco Javier Álvarez, produciuse un punto de inflexións e aumentaron o número de deportistas ata os 54 da actualidade. Este verán no curso de iniciación ao remo  contarán con 15 participantes.