Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebra a vindeira fin de semana a “Xornada Europea da Cultur Xudía”

28/08/2012

Unha exposición e tres visitas guiadas centran o programa

 

Onte ás 11,30 horas na Sala de Concelleiros do Casa do Concello tudense foi presentado polo Alcalde da localidade, Moisés Rodríguez Pérez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez Pereira, o programa de actividades a desenvolver na nosa cidade nesta vindeira fin de semana coa celebración da “Xornada Europea da Cultura Xudía” que o Concello de Tui organiza para poñer en valor este aspecto da historia e do patrimonio tudense.

 

O programa é o seguinte:

 

Ata o 9 de setembro:

Exposición “25 anos de relacións diplomáticas España – Israel en caricaturas”

Organiza: Embaixada de Israel en España

Colabora: Centro Sefarad Isarel e Asociación de la Prensa de Madrid.

 

Venres 31 de agosto:

Visita nocturna polos vestixios xudíos no conxunto histórico tudense, guiada polo historiador tudense Suso Vila (autor do libro “Os xudíos en Tui”)

 

Sábado 1 de setembro:

12,00 h.: Visita guiada á colección de “Sambenitos” do Museo Diocesano de Tui, guiada polos historiador Rafael Sánchez Bargiela

 

Domingo 2 de setembro:

12,00 h.: Visita guiada ás testemuñas xudías conservadas na Catedral de Santa María de Tui, guiada polo historiador José Ramón Fernández Fernández.

 

O alcalde tudense salientaba como esta Xornada tense consolidado nas cinco edicións que leva celebrándose na nosa cidade cunha alto nivel de participación, tanto de veciños como de visitantes. Amais grazas a estas actividades o Concello de Tui promove o coñecemento e valorización do patrimonio cultural da cidade.  Moisés Rodríguez sinalou o interese deste Concello de Tui de integrarse na Red de Juderías española coa que veñen colaborando activamente nos últimos anos na celebración destas Xornadas Europeas da Cultura Xudía.

 

Pola súa banda a concelleira de cultura agradecía a colaboración  de diversas entidades no desenvolvemento destas Xornadas: o Museo Diocesano, que facilita a visita á colección de “sambenitos”, aos historiadores Suso Vila, Rafael Sánchez e José Ramón Fernández pola colaboración na guía das visitas e moi especialmente á Embaixada de Israel en España pola cesión da exposición de caricaturas sobre as relacións hispano-israelies que encaixa de xeito excepcional na temática que desta nova edición das Xornadas Europeas da Cultura Xudía que é “o espírito do humor xudío”. Nesta mostra podemos encontrar viñetas humorísticas de autores tan recoñecidos como Antonio Mingote, Sir Cámara, Junco, xunto a nomes israelís como Jacob Shiloh, Shlomo Cohen, etc.

 

Máis de 25 países se unen de novo un ano máis, para celebrar simultaneamente, o primeiro domingo de setembro, esta xornada que pretende achegar ao gran público o patrimonio cultural xudeu que atesouran os países do continente europeo. En España, ás 21 xuderías da Red de Juderías de España, únese a colaboración de Madrid, Valencia e Tui que teñen preparada unha programación especial cun amplo abano de actividades: visitas guiadas, exposicións, concertos, degustacións gastronómicas, etc.

 

Esta xornada, se celebra todos os anos dende 1999 e nesta ocasión celebramos a súa décimo terceira edición, namentres que en Tui será o sexto ano no que participan este evento.  Está apadriñada polo Consello de Europa como un dos proxectos do Gran Itinerario Cultural Europeo do Patrimonio Xudío e ten por misión dar a coñecer o legado antigo e moderno dos nosos pobos e cidades.

 

Concretamente en España participan na Xornada 26 cidades, que son Ávila, Barcelona, Besalú, Cáceres, Calahorra, Castelló d’Empúries, Córdoba, Estella, Girona, Hervás, Jaén, León, Lucena, Monforte, Oviedo, Palma, Plasencia, Ribadavia, Segovia, Sevilla, Tarazona, Toledo, Tortosa e Tudela  todas elas membros da asociación pero ademais participan as cidades de Madrid, Valencia e Tui.

 

Entre todas prepararon arredor de 150 actividades distintas cuxa información pódese atopar amplamente na web  www.redjuderias.org,  www.jewisheritage.org ou www.concellotui.org.