Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui avanza cara lograr o 100% de saneamento no municipio tras o investimento de 631 mil euros aprobado pola Xunta

2/08/2012

Os núcleos de Areas, Baldráns, Paramos, Randufe, Rebordáns e Tui serán obxecto de obras de conexión coa Depuradora de Guillarei que suporán un investimento superior aos 631 mil euros.  O Consello da Xunta autorizou onte a colaboración técnica e financeira da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a realización destes traballos ao través de Augas de Galicia. O 50% do orzamento é cofinanciado polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

 

As obras contemplan a realización de conexións en 13 puntos de entre 50 e 300 metros. Tamén están proxectadas dúas estacións de bombeo na parroquia de Areas con pozos de bombeo in situ, ao onde verterán as redes de Malvas e Pexegueiro, e outra en Rebordáns que levará un pozo prefabricado de polietileno e contará co seu aliviadoiro composto por un tubo de PVC de 200 mm de diámetro. Contemplase asemade a execución da instalación eléctrica doutro bombeo existente na parroquia de Paramos, así como a colocación de aliviadoiros en 4 pozos da rede municipal previa a súa conexión co colector do río Miño. O prazo de execución das obras, que en breve sairán a licitación, é de 14 meses.

 

Con esta actuación darase servizo a unha poboación de 5.397 habitantes de Tui que ata o de agora carecían de servizo de saneamento polo que tiñan que verter a fosas sépticas coas molestias e inconvenientes que isto xera.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodriguez, amosaba a súa satisfacción por este investimento que permitirá ampliar a rede de saneamento en Tui, un municipio no que este servizo abrangue xa unha parte moi importante da poboación que se sitúa preto do 98%. Sinalaba o rexedor que “este era un compromiso que a Xunta tiña con Tui” agradecendo tanto ao conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, como ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que sigan contando  coa cidade sobre todo en investimentos tan importantes coma este.

 

Afirma Moisés Rodríguez que Tui é unha das cidades de Galicia que maior porcentaxe da rede de saneamento ten executado grazas aos investimentos que se foron realizando ao longo dos últimos anos, e que están conectados á Estación Depuradora de Augas Residuais de Guillarei. Apuntaba que se continua traballando nesta liña, como é caso dos investimentos que acaba de aprobar o Consello de Xunta.