Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Trece eventos deportivos reunirán máis de 7 mil persoas na Eurocidade Tui-Valença este 2024

7/02/2024

Trece eventos deportivos que se van desenvolver entre os meses de febreiro e decembro conforman o calendario deportivo da Eurocidade Tui-Valença que foi presentado este mediodía na Cámara Municipal de Valença. Prevese que participen nestas actividades deportivas máis de 7 mil persoas.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente da Cámara Municipal de Valença, José Manuel Carpinteira,  os concelleiros de Deportes de Tui e Valença, Rafael Estévez e Arlindo Sousa, acompañados polos representantes das distintas asociacións deportivas e empresas organizadoras dos eventos deron os pormenores desta consolidada programación deportiva.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou na súa intervención que este é “un calendario deportivo transfronteirizo único en Europa” xa que precisaba que “non temos ningún territorio transfronteirizo que compartir un calendario deportivo”. Isto é así porque dicía “hai no conxunto da sociedade un incentivo importante para promover actividades deportivas” e por outra parte porque “hai un respaldo  institucional” destacando a implicación tanto da Cámara de Valença coma do Concello de Tui. Destacaba amais o fito histórico logrado o ano pasado ao conseguir ao través do proxecto Unicidade, financiar este calendario deportivo, cun orzamento de 60 mil euros, a través de fondos europeos. Avanzaba que están traballando para conseguir financiamento europeo para estas actividades.

O presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira, destacou coma este calendario deportivo “reforza a cooperación transfronteiriza entre Tui e Valença”. Engadía que “tradicionalmente, historicamente Valença e Tui en termos sociais, económicos, xa cooperan dende hai moitos anos, e dende hai uns anos cooperan de forma organizada a nivel deportivo e cultural, e queremos moito máis”. Por iso dicía estamos “a facer o camiño para que de feito este reforzo da cooperación sexa maior e poidamos todos vivir nunha Eurocidade” e indicaba que “estas probas deportivas contribúen moito a reforzar esta unión”.

Rafael Estévez, concelleiro de Deportes de Tui, destacou as trece probas que están asentadas neste calendario deportivo. Amosaba o agradecemento a todas as asociacións, clubs e empresas que organizan as distintas probas ao longo do ano. Mentres o seu homólogo de Valença, Arlindo Sousa, facía balance de 2023 con catorce probas de 12 modalidades deportiva que reuniron a 6.200 participantes e que foron realizadas por 11 asociacións e 2 empresas. Afirmaba que ao longo dos anos se vai incrementando a participación e as probas se teñen consolidado e moitas delas son xa un referente.   

O orzamento económico deste Calendario Deportivo ascende a 60 mil euros, ao que se suma o apoio técnico, de infraestruturas e promoción que aportan tanto o Concello de Tui coma a Cámara Municipal de Valença.

O primeiro dos eventos deste calendario deportivo é o Trail do Aloia que se celebra este sábado e domingo no Monte Aloia. Hoxe pecha a inscrición para a proba infantil dirixida a nenos e nenas de 0 a 14 anos, que en función da idade realizan un percorrido de entre 100 e 1.200 metros. Preto de 250 cativos e cativas formalizaron xa a súa inscrición. O domingo  serán 600 persoas as que participarán dende ás 10 h no trail realizando un percorrido de 20 quilómetros ou de 10 quilómetros ao longo deste espazo natural protexido. Serafín Rodríguez de Noko 360 organizador da proba agradecía a colaboración do club Atletismo Tui que foi o encargado de trazar o percorrido nun “entorno único” no Parque Natural do Monte Aloia.

Este domingo abre a inscrición para a XI Eurocidade BTT que se celebrará o 17 de marzo organizada pola Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas.

No mes marzo  comeza o Circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade que levan a cabo o Club Anda Tui Rego da Pedra e o Club Celtas do Minho con percorridos mensuais.  Mentres o Club Tracçao ás 4 é o organizador do TT Eurocidade de Jeeps previsto para o 2 de marzo, e do TT Eurocidades Motas que terá lugar o 6 de abril.  Do 23 ao 25 de marzo celebrarase o Torneo Minibasket Eurocidade organizado polo Basquet Club Valença.

No calendario da Eurocidade figura un ano máis o Trofeo de Baile Deportivo que acada a súa décima edición. Desenvolverase o 20 e 21 de abril no pavillón de Valença organizado pola Escola de Baile Pasos.  Mentres os afeccionados ao mundo do motor terán a súa cita o 22 e 23 de xuño coa Rampa do Monte Faro que por segundo ano promove o Viana Motor Clube.

Xa no verán a proposta deportiva será coas artes marciais co Torneo de Judo da Eurocidade, 6 de xullo, organizado polo JuValença, e co X Campionato de Kung Fu da Eurocidade o 7 de xullo da man do Club Ximnasia e Auga de Tui.

En setembro celebrarase o Trofeo Eurocidade de Hoquei co Hoquei Club Valença.  Amais o Club Tenis Tui organizará a décima edición do Torneo de Tenis da Eurocidade que se disputará nos meses de setembro e outubro.  Pecha o calendario deportivo compartido de Tui e Valença a VIII Urban Trail Night Eurocidade o 23 de novembro organizado por Noko 360 e Sra. Emilia.

 

CALENDARIO DEPORTIVO EUROCIDADE 2024

1.- CIRCUITO DE ANDAINAS SAUDABLES DA EUROCIDADE

  • Mensual desde marzo
  • Organización: Club AndaTui Rego da Pedra e Club Celtas do Minho

 

2.- TRAIL DO MONTE ALOIA

  • 10 e 11 de febreiro de 2024
  • Organización: Noko 360

 

3.- TT EUROCIDADE JEEPS

  • 2 de marzo
  • Organización: Club Tracçao As 4

 

4.- XI EUROCIDADE BTT

  • 17 de marzo de 2024
  • Organización: Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas

 

5.- TORNEO MINI BASQUET EUROCIDADE

  • 23, 24 e 25 de marzo de 2024
  • Organización: Basquet Clube Valença

 

6.- TT EUROCIDADE MOTAS

  • 6 de abril de 2024
  • Organización: Club Tracçao As 4

 

7.- X TROFEO DE BAILE DEPORTIVO EUROCIDADE

  • 20 e  21 de abril de 2024
  • Organización: Escola de Baile Pasos Galicia
  • Pavillón de Valença

 

8.- RAMPA DO MONTE FARO

  • 22 e 23 de xuño de 2024
  • Organización: Viana Motor Clube

 

9.- TORNEO DE JUDO EUROCIDADE

  • 6 de xullo de 2024
  • Organización: JuValença

 

10.- X CAMPIONATO DE KUNG FU EUROCIDADE

  • 7 de xullo de 2024
  • Organización: Club Ximnasia e Auga de Tui

 

11.- TROFEO EUROCIDADE DE HOQUEI

  • Setembro
  • Organización: Hoquei Clube Valença

 

12.- X TORNEO DE TENIS EUROCIDADE

  • Setembro – Outubro
  • Organización: Club Tenis Tui

 

13.- VIII URBAN TRAIL NIGHT EUROCIDADE

  • 23 de novembro de 2024
  • Organización: Noko 360 e Sra. Emilia