Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A tradución ao galego de “Quod Nihil Scitur” de Francisco Sánchez dispoñible a cambio de alimentos

23/11/2023

A obra foi traducida por Laureano Alonso e editada polo Concello de Tui

A obra “Quod Nihil Scitur” de Francisco Sánchez adquire este días en Tui un compoñente solidario. Isto é así porque a tradución ao galego realizada polo profesor de grego e latín do IES San Paio Laureano Alonso, cambiase por alimentos non perecedoiros.

O pasado xoves, 16 de novembro, coincidindo co IV centenario do falecemento do egrexio pensador tudense Francisco Sánchez, foi presentada esta tradución ao galego da principal obra filosófica deste autor, “Quod nihil scitur”. Esta versión da obra foi editada polo Concello de Tui para contribuír á divulgación deste médico e filósofo tudense.

Todas as persoas interesadas en obter un exemplar desta publicación poden retirala a cambio de alimentos non perecedoiros tanto no Arquivo Municipal, na Casa do Concello tudense, como na Biblioteca Municipal, no Edificio Francisco Sánchez.

“Quod Nihil Scitur” foi editada en Lyon no ano 1581. É unha das referencias do pensamento europeo do humanismo renacentista e axiña contou con diversas edición ssempre en lingua latina. Haberá que agardar ata o ano 1922 cando na revista “Nós” foi por vez primeira traducida a unha lingua moderna a cargo do profesor Xan Aznar Ponte. Ao ano seguinte, 1923, foi traducida ao castelán co título “Que nada se sabe”. Esta tradución de Laureano Alonso está acompañada dun estudo introdutorio a cargo do historiador Rafael Sánchez Bargiela e conta con diversas ilustracións do debuxante tudense Andrés Lamas.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente, salienta que “o Concello de Tui coa edición desta obra contribúe á difusión do pensamento do noso filósofo, a incrementar o seu coñecemento pola cidadanía, a reafirmar o noso orgullo de pertenza a esta cidade, na que Francisco Sánchez naceu e  viviu os anos da infancia e primeira mocidade, un tempo que marcou a súa personalidade”.