Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A San Silvestre Solidaria de Tui reunirá este domingo a 1.200 persoas

29/12/2023

A segunda edición da proba duplica a participación de 2022. Ao remate haberá chocolate con rosca e tomaranse as uvas ao son das badaladas

A II San Silvestre Solidaria de Tui bate récord de participación e reunirá este domingo a 1.200 persoas nunha proba de carácter festivo e solidario. Duplícase a participación rexistrada o ano pasado na primeira edición nun evento que está chamado a consolidarse no calendario anual de probas tudenses ante a gran acollida que tivo en só dúas edicións.

No Paseo da Corredoira situarase tanto a liña de saída coma a de meta tras completar un percorrido urbano de aproximadamente catro quilómetros, no que haberá variantes en función do grao de dificultade que desexen afrontar os participantes. A opción máis sinxela poderá realizarse incluso con carriños de bebé ou en cadeira de rodas xa que está pensada disfrutar en familia. Así o destaca o concelleiro de Deportes do concello de Tui, Rafael Estévez, quen amosa a súa satisfacción por esta magnífica acollida.

Dende ás 9 h e até ás 10.15 h na praza da Inmaculada poderán recollerse os dorsais da proba. Dende a organización faise un chamamento a acudir con antelación ante a elevada participación que rexistra a proba, para que a saída se poida realizar puntualmente. A proba será solidaria coa Asociación Española Contra o Cancro, para o que na praza da Inmaculada haberá un posto desta asociación no que se poderán deixar os donativos e obter información sobre o seu labor.

Ao remate da proba haberá avituallamento e chocolate con rosca no propio Paseo da Corredoira.  Ás doce do mediodía tomaranse as uvas ao son das badaladas do reloxo da praza da Inmaculada, e a festa continuará coa animación musica de Dj Donper.

O Concello de Tui e o Club Atletismo Tui organizadores desta II San Silvestre agradecen a gran acollida da proba coa que se despedirá o ano en Tui con deporte e festa.