Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Rodrigo Buján recibiu o premio do IV Concurso de microrrelatos da Red de Juderías de España

19/06/2023

O alcalde de Tui fixo entrega do galardón a este alumno de 2º da ESO do Colexio Maristas

O alumno de 2º da ESO do Colexio Santa María – Maristas de Tui, Rodrigo Buján Fernández, foi seleccionado como un dos gañadores do IV Concurso de microrrelatos convocado pola Red de Juderías de España entre os alumnos de 1º e 2º de educación secundaria de toda España.

Esta mañá tivo lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello de Tui un sinxelo acto de entrega do diploma que o acredita como gañador deste certame e dun agasallo enviado pola Red de Juderías. O alcalde tudense, Enrique Cabaleiro, acompañado das concelleiras Sonsoles Vicente e Ana Núñez, foi o encargado da entrega deste galardón a Rodrígo Buján Fernández, que estivo acompañado polo director do Colexio Santa María – Maristas e os seus familiares.

Esta cuarta edición do concurso de microrrelatos ‘Benjamín de Sefarad’, enmarcada no proxecto educativo homónimo da Red de Juderías de España, estaba dirixido a escolares españois co obxectivo de promover entre eles o coñecemento do legado xudeu do noso país.

Neste caso, Rodrigo Buján recibiu unha mención especial que lle da dereito a que o seu relato apareza na publicación realizada pola Red de Juderías de España na que se seleccionaron os 30 mellores relatos presentados a este certame. A temática dos microrrelatos desta edición foi a música, contando para a valoración dos traballos presentados cun xurado de excepción, presidido polo músico, actor e escritor Jimmy Barnatán; a terapeuta e preparadora xuvenil da Comunidade Xudía de Madrid Coty Aserín; o xornalista e autor de varios Diarios de Viaxe da Red Carmelo Jordá; e a intérprete, investigadora e directora do Centro Internacional de Música Medieval Mara Aranda.

O rexedor de Tui, Enrique Cabaleiro, felicitou ao alumno polo bo traballo e o esforzo realizados para obter este recoñecemento e agradeceu ao Colexio Santa María - Maristas o compromiso con este concurso literario, concienciando na importancia da defensa deste patrimonio material e inmaterial e na súa achega á nosa cultura. Este centro educativo recibiu tamén unha placa que o recoñece como ‘Colexio Asociado á Red de Juderías de España’.