Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Reabre o Centro de Interpretación “Tui, Porta do Camiño Portugués a Santiago” no convento de San Domingos

11/07/2019

O Centro de Interpretación “Tui, Porta do Camiño Portugués de Santiago”, situado no convento de San Domingos, en pleno trazado do Camiño de Santiago, está novamente aberto ao público.

Alumnos e profesores do Obradoiro de Emprego xunto a técnicos da Oficina de Turismo son os encargados de atender aos visitantes que se acheguen até este punto, podendo realizar tamén aquí o selando a Credencial do Peregrino. O horario de apertura é de luns a venres de 9 a 14 h.

A través de distintos paneis informativos, en varios idiomas, achéganse ao visitante diversos aspectos das peregrinacións xacobeas que dende os seus inicios ligaron á cidade de Tui a este Camiño de Santiago, destacando amais o feito de ser a porta de entrada do Camiño en Galicia.

Unha serie de caixas de luz presentan o percorrido do Camiño Portugués dende Valença ata Santiago de Compostela, con fotografías de gran formato sobre os principais enclaves. A exposición complétase cunha imaxe de San Roque cos atributos de peregrinos, e outros obxectos vinculados ao fenómeno xacobeo na cidade.

Nos seis primeiros meses deste 2019 un total de 7.014 peregrinos saíron de Tui Camiño de Compostela, mentres que foron máis de 30.534 os que realizaron o Camiño Portugués a Santiago, e pasaron pola cidade, xa que dende Tui é a distancia mínima para obter a Compostela.  En 2018 dos 67.822 peregrinos que realizaron o Camiño Portugués 5.308 partiron dende Tui.