Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Quedada para celebrar o Samaín mañá á tarde no comercio local de Tui

30/10/2023

O Roteiro Nocturno foi suspendido debido á alerta amarela prevista a partir das 21 h

A celebración do Samaín cobra forza ano a ano en Tui con diversas iniciativas promovidas por colectivos públicos e privados recuperado este festexo ligado ao inicio do inverno.

O Concello de Tui xunto á Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui organizan para mañá martes, 31 de outubro, co título de “Vive o Samaín co comercio local” unha quedada para percorrer as rúas comerciais da cidade facendo o Truco ou Trato?. Nenos e nenas disfrazados gozarán dunha tarde para a que o comercio local ten decorado os seus escaparates e establecementos con elementos propios destas datas, e de seguro que mañá non faltarán tampouco os disfraces entre os propios comerciantes.

A concelleira de Comercio, Ana Núñez, agradece ao comercio local que se teña involucrado na celebración deste festexo, que contribúe tamén á promoción dos propios establecementos.  Por outra parte a concelleira avanza que debido á alerta amarela prevista para mañá martes a partir das 21 h por motivos de seguridade vénse de suspender o Roteiro Nocturno do Samaín que se ía celebrar polo conxunto histórico e que contaba xa con moitas prazas reservadas. Debido ás importantes precipitacións  previstas e aos fortes ventos que se poden rexistrar dende o Concello tomaron a decisión de suspender este roteiro por seguridade.  Esta actividade pechaba a programación da III Feira da Cabaza que na fin de semana, sábado e domingo, se celebrou no edificio da praza da Inmaculada. Cativos e cativas gozaron na tarde do sábado decorando as súas cabazas con Corazón de Carballo e o domingo preparando sobremesas con Chupipostres. As demostracións culinarias con Gloria Domecq, Judicael Romero, e Águeda Ubeira reuniron a preto de 200 persoas que seguiron con atención o paso a paso de cada receita que puideron amais degustar no remate do evento. Tamén gozaron de moita aceptación o obradoiro de marmeladas de Petiscos e as receitas elaboradas con calabizo.  De novo púxose en valor a cabaza e as distintas variedades que se producen en Tui, das que houbo unha boa mostra na feira.