Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A próxima semana incorpóranse un arquitecto e un traballador social ao Centro de Afectados en Guillarei

24/08/2018

Na primeira semana de setembro rematarán os traballos de desamiantado

A próxima semana se incorporará novo persoal ao Centro de Afectados en Guillarei. Trátase dun arquitecto e dunha traballadora social contratados polo concello de Tui para reforzar a atención aos afectados no eido urbanístico e social.  Logo de rematado o proceso de selección finalmente será nos primeiros días da próxima semana cando este persoal comece a atender aos afectados de luns a venres de 9 a 14h. Onde continúan a traballar o xerente urbanístico da catástrofe, a traballadora social, unha auxiliar administrativa, unha asesora fiscal e un experto en seguros. 

Mentres tanto continúan os traballos de desamiantado e retirada de cargas sobre forxados e apuntalamentos de seguridade da zona afectada pola explosión do pasado 23 de maio, nos que se teñen retirado xa 250 toneladas de amianto, prevéndose chegar ás 300 toneladas. A isto súmanse 90 m3 de lixo procedente de enseres inservibles e outros 90 m3 de madeira queimada e restos das canas dos fogos artificiais. Estes traballos está previsto que rematen na primeira semana de setembro.

Por outra parte está ultimándose o proxecto de xestión de residuos que poderá estar concluído a próxima semana, sendo este documento o paso previo para acometer o desentullo da zona, agardando que o goberno central cumpra o seu compromiso verbal nese senso.