Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Patrimonio, natureza, turismo activo, gastronomía… atractivos do verán tudense

9/08/2023

O municipio vive amais unha intensa actividade cultural e de lecer

O seu patrimonio histórico e natural, as rutas guiadas, o turismo activo, a gastronomía, … son algúns dos atractivos que o municipio de Tui ofrece ao longo deste verán. A proposta para #Tuiristear durante este mes de agosto é ampla e variada.

Perderse polas rúas do conxunto histórico camiñando até a Catedral de Santa María, cun claustro medieval único en Galicia,  é so o comezo dun fermoso paseo. No percorrido polas súas naves podemos admirar o crisol de estilos arquitectónicos que atesoura, mentres que a visita ao seu xardín ou ás torres permiten gozar das vistas panorámicas do Miño, de Portugal e do propio conxunto histórico. As rúas estreitas e empedradas coma Entrefornos, os túneles da Misericordia ou As Monxas, son lugares de paso obrigados, xunto ao convento de San Clara, coñecido popularmente coma das “Encerradas”, ao igual que as igrexas de San Domingos ou San Bartolomeu. Algunha destas rúas forman parte da Ruta Xudía, que realiza un percorrido polos vestixios da presenza xudía e criptoxudía na cidade. Estas rutas poden realizarse de forma autoguiada e xeolocalizada a través da aplicación turismotui.mobi/ dispoñible en galego, castelán e inglés, ou seguindo os códigos QR accesibles na sinalización xunto a distintos monumentos. Tamén é posible contactar cos guías turísticos locais que realizan rutas guiadas a diario.

O Parque Natural do Monte Aloia, o primeiro espazo natural protexido de Galicia, é outro dos punto de interese a visitar. No seu Centro de Interpretación ofrécennos as claves para descubrir a riqueza en fauna, flora, e paisaxe deste lugar seguindo algunha das rutas establecidas. Tamén podemos percorrer o Paseo Fluvial á beira do Miño e contemplar os moitos atractivos deste río que permite a práctica de turismo activo, a través de distintas empresas locais con propostas de paseo en piragua, padelsurf, ou barco turístico.  Para os máis atrevidos tamén é posible realizar rafting augas arriba.

Entre as opcións para percorrer Tui está ao tren turístico que comunica a cidade, dende a praza da Inmaculada, con Valença, ou se pode optar por paseo en bicicleta ou mesmo a cabalo.

 

A gastronomía é sen lugar a dúbida outro dos grandes atractivos da cidade. Os múltiples locais existentes, tanto no zona antiga coma en todo o termo municipal, ofrecen dende pratos tradicionais da cociña galega á elaboracións máis de vangarda. Cómpre salientar nas sobremesas os peixiños de améndoa que elaboran as monxas “encerradas” e que se poden mercar no propio convento. Todo isto maridado cos viños das Rías Baixas, e mesmo coa posibilidade de realizar enoturismo nalgunha adega.

Para aqueles que opten por pasar en Tui máis dun día a cidade ofrece distintas alternativas de aloxamento dende albergues, hostais, hoteis, un Parador e un Balneario.

Todas as persoas que durante este mes de agosto visiten Tui poden gozar tamén da ampla oferta cultural e de lecer que se realiza no municipio.

Toda esta información pódese ampliar na Oficina Municipal de Turismo, no céntrico Paseo da Corredoira que abre de luns a domingo de 9.30 a 13.30 h e de 16 a 19 h.

A concelleira de Turismo, Ana Núñez, salienta coma estas actividades reflicten a vitalidade do sector turístico tudense, que día a día gaña peso na economía local, e que realiza unha forte aposta pola calidade coma  testemuñan a ducia de establecementos que contan co recoñecemento de calidade Sicted.

A pé, a cabalo, en bicicleta, en piragua, en barco, ou até en tren percorrer Tui é toda unha experiencia para o visitante.