Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Os Servizos Sociais colaboran coa Asociación de Párkinson do Baixo Miño e AFAGA dende o inicio do Estado de Alarma

26/05/2020

Coa colaboración de Cruz Vermella proporcionaron tablets a 13 familias para romper a brecha dixital

A atención ás persoas maiores pero tamén a poboación escolar, así coma a todas aquelas persoas en situación de vulnerabilidade ten centrado o traballo dos Servizos Sociais Comunitarios dende o inicio do Estado de Alarma o pasado 14 de marzo. Máis aló doutras actuacións realizadas co apoio ás residencias, aos programas de axuda no fogar, a os programas para proporcionar alimentos ou atender aos sen teito, tense establecido tamén unha estreita colaboración coa Asociación de Párkinson do Baixo Miño e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer, AFAGA, Cruz Vermella e cos centros escolares.

Así por unha parte facer un seguimento e manter en activo as persoas que participan en distintos programas foi o obxectivo da colaboración establecida coa Asociación de Párkinson do Baixo Miño e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer, AFAGA.

En concreto coa asociación de Párkinson e o Centro Sociocomunitario colabórase no reparto dos cadernos con exercicios de estimulación cognitiva. A asociación elabóraos semanalmente e dende os Servizos Sociais co apoio da Policía Local e Protección Civil fanse chegar a todas as persoas maiores do concello que o solicitan.

O Concello de Tui e AFAGA tiñan en marcha nas parroquias tudenses o programa Cultiva a Mente no que estaban a participar 82 persoas. Co inicio do confinamento púxose en marcha un seguimento semanal destes veciños e veciñas. Estableceuse amais un sistema de cores para un control máis axeitado, de tal xeito que en función da cor estableceuse o período de tempo para realizar o seguimento. Así as persoas en risco se lles asignou o código vermello eran contactadas nun período de entre 3 e 5 días. O código laranxa estableceuse para persoas que precisan apoio e seguimento, contactando coas mesmas nun período de 5 a 10 días. Por último entre 10 e 15 días establécese contacto coas persoas con código verde que presenta un bo estado. Semanalmente faise balanzo da situación destes usuarios do programa e se informa se algunha persoa precisa atención inmediata.

Por outra parte dende os Servizos Sociais tense colaborado cos centros educativos na impresión dos materias didácticos para que os menores de quince familias poidan realizar as tarefas escolares. Lévase a cabo o reparto deste material ou ben son as familias as que se achegan a recollelo.

Tamén co obxectivo de que o alumnado máis vulnerable poida seguir as tarefas escolares durante estas semanas dende a casa tense solicitado a colaboración da Cruz Vermella. Ao través do programa para a fractura da brecha tecnolóxica proporcionáronse a 13 familias tablets con tarxeta sim e datos para que se poidan conectar a internet e seguir así as tarefas indicadas dende cada centro educativo.

Outra das actuación levadas a cabo polos Servizos Sociais, sobre todo durante o confinamento e debido a atención telemática das administracións, foi realizar as acción de emerxencia relacionadas cos propios recursos e servizos dos servizos sociais municipais, provinciais ou autonómicos. Así colaboración na solicitude de documentación e achega da mesma a ONG’s para o acceso ao banco de alimentos, a roupeiros, tamén a plataformas de servizos públicos coma o SEPE, a atención psicolóxica do 112, ou de trámites ante as oficinas do padrón noutros concellos.