Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Oficina Municipal de Turismo se instalará en breve na Praza de San Fernando

5/07/2012

A OFICINA MUNICIPAL DE TURISMO SE TRASLADARÁ Á PRAZA DE SAN FERNANDO NUN BREVE PRAZO

O Bispado cede ao Concello a Sala “Arcebispo Lago” no Museo Diocesano para este fin

 

Xoves, 5 de xullo de 2012. En datas próximas a Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui cambiará de ubicación para instalarse na Praza de San Fernando, na denominada Sala “Arcebispo Lago” do Museo Diocesano. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, e o bispo da Diocese de Tui-Vigo, D. Luis Quinteiro Fiuza, asinarán nos vindeiros días o acordo de cesión temporal deste local para a instalación nestas dependencias da Oficina Municipal de Turismo.

 

Con este acordo a Oficina Municipal de Turismo poderá dispor de inmediato dunhas axeitadas instalacións e nun enclave privilexiado no centro do conxunto histórico de Tui e no lugar de maior afluencia de turistas e visitantes á nosa cidade. Este sala de grande amplitude posibilitará unha atención máis digna dos visitantes e a instalación de diversos elementos de promoción turística da nosa cidade, convertendo a esta Oficina nunha cita imprescindible para todos os visitantes á nosa cidade. Amais con esta medida se promove a potenciación da zona histórica tudense creando nela novos servizos.

 

Como medida complementaria unha vez se efectúe o cambio de ubicación da Oficina Municipal de Turismo –que agarda sexa inminente- o Concello instalará no quiosco da Praza da Inmaculada un punto de información turística para os visitantes, con indicación dos principais recursos de interese turístico e un plano de acceso aos mesmos e á Oficina de Turismo.

 

Na actualidade esta Oficina Municipal de Turismo está ubicada nunha caseta de madeira no Paseo da Corredoira e está atendida por dúas bolseiras financiadas polo Padroado de Turismo “Rías Baixas” e o Concello de Tui.

 

Esta medida da nova ubicación da Oficina Municipal de Turismo se enmarca dentro das actuacións que o Concello de Tui promove pola promoción turística do noso municipio. Con medidas complementarias como o anuncio do acordo coa Asociación Profesional de Guías Turísticos de Galicia para a realización de senllas visitas guiadas semanais ao noso conxunto histórico ou o programa de visitas guiadas nocturnas da Eurocidade. Cabe lembrar tamén outras medidas de promoción turística da nosa cidade, como foi neste ano por vez primeira que Tui estivo presente, con gran protagonismo, nas principais feiras turística que se celebran na Península: Fitur en Madrid e a BTL de Lisboa presentando a oferta da Eurocidade Tui – Valença.

 

A concelleira de turismo, Raquel Lorenzo Pimentel, amosa a súa satisfacción por este acordo que posibilita unha mellora substancial na atención aos visitantes que acoden á nosa cidade que terán neste novo enclave da Oficina Municipal de Turismo un lugar de maior encanto, de maior amplitude e verdadeiramente representativo do conxunto patrimonial tudense.