Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A oficina de turismo de tui recibe 5.633 consultas no mes de setembro

3/10/2013

Un total 5.633 visitantes achegáronse á Oficina Municipal de Turismo de Tui o pasado mes de setembro. As boas temperaturas que persistiron neste mes propiciaron a continuidade de turistas na nosa cidade, dos cales, máis de 3.800 procedían doutras localidades do territorio español. Por comunidades autónomas Madrid encabeza a lista cun total de 810 visitantes, seguida dos provenientes da propia comunidade galega, Andalucía e Castela e León.

 

En canto aos turistas estranxeiros estes sumaron un total de 1.764. Os nosos veciños portugueses mantéñense os primeiros coma en meses anteriores.  Aos lusos séguenlles os alemáns (291), franceses (142) e británicos(107). Cómpre salientar que máis da metade dos turistas estranxeiros estaban a realizar o Camiño Portugués cara a Santiago.

 

O número total de peregrinos que visitaron a Oficina Municipal de Turismo foi de 1.278, dos cales, 985 eran estranxeiros. A meirande parte dos camiñantes de fóra das nosas fronteiras proviñeron de Portugal, seguidos de Alemaña, Irlanda e Reino Unido, coa presenza, en menor medida, de visitantes de todos os recunchos do mundo coma Sudáfrica, Xapón, Eslovaquia ou Rusia . En canto aos peregrinos nacionais (293) os galegos sitúanse á cabeza, seguidos de Madrid, Comunidade Valenciana e Cataluña.

 

Para calcular o número de visitantes que se achegaron ata a Tui compre multiplicar, cando menos por cinco, pois moitas consultas son de pequenos grupos familiares ou de amigos e os grupos organizados non acoden á Oficina Municipal de Turismo pois xa traen os seus propios guías e recursos informativos.

 

A Oficina Municipal de Turismo de Tui segue a prestar os seus servizos na Praza de San Fernando de luns a venres de 10h a 20h e sábados, domingos e festivos de 10:30h a 14:30h e de 15:30h a 19:30h.