Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Teatro Principal e a escultura de Rosendo Salvado obxecto de dúas exposicións que se poderán visitar nas Festas de San Telmo

17/04/2019

Será inauguradas o sábado ás 20 h na Sala Xacobeo da Área Panorámica

Este sábado, 20 de abril, ás 20 h na sala Xacobeo da Área Panorámica terá lugar a inauguración das exposicións “Surge et ambula. A memoria do Teatro Principal” e “70 anos da escultura de Rosendo Salvado” que forman parte do programa das Festas de San Telmo.

 

A mostra “70 anos da escultura a Rosendo Salvado” realízase en colaboración co Arquivo Capitular e Diocesano. Coa mesma vai recordar o aniversario da fundición da escultura situada na zona central da Praza da Inmaculada. Este monumento foi promovido en 1945 para celebrar o centenario da chegada a Australia do célebre e polifacético monxe tudense valedor dos aborixes, Frei Rosendo Salvado. A exposición que se inaugura este sábado, composta especialmente por fotografías da época, permitiranos coñecer ao autor desta obra, o escultor ponteareano Alfonso Quinteiro Alonso, a súa iconografía ou os diferentes materiais que compoñen o monumento.  Tamén se exporá o cartel das festas na honra de Rosendo Salvado promovidas polo Concello, xunto  a outros documentos que darán conta de todo o proceso e vicisitudes que pasaron para que finalmente a escultura fose realizada e inaugurada en 1950 e hoxe en día sexa un espléndido exemplo da escultura pública de carácter clasicista en Tui.

 

A segunda das exposicións, “Surge et Ambula. A memoria do Teatro Principal” toma o seu nome da frase acuñada na medalla conmemorativa dos Xogos Florais que aludía ao renacemento literario e que con esta exposición traslada esa alusión cara o inmoble. Na mesma a través de diferentes pezas, que orixinalmente formaron parte do mobiliario do hoxe en ruínas Teatro Principal, preténdese difundir a memoria deste teatro e avivar nos veciños de Tui o valor cara este inmoble que durante a segunda metade do século XIX e  primeira do XX foi o epicentro cultural de Tui.  Cómpre lembrar que o Teatro Principal acolleu un dos actos culturais máis notables da historia contemporánea de Galicia como foron os Xogos Florais de Galicia de 1891, o primeiro acto cultural realizado en galego despois dos séculos escuros e que foi símbolo de Rexurdimento Cultural de Galicia. A peza estrela desta exposición será o antigo telón, considerado como o mellor exemplo de pintura escenográfica do século XIX conservado en Galicia. Trátase dun lenzo de 5,70 por 8,40 m sobre o cal, seguindo tendencias romanticistas pintouse unha escenografía na que entre outro motivos se representa unha alegoría ao Rexurdimento ou aparecen elementos que xogan coa profundidade dando unha sensación de realidade á escena. A exposición complétase con material fotográfico, planos do proxecto de rehabilitación de César Portela e pezas históricas ou vinculadas á traxectoria de reivindicación e loita da Fundación Teatro Principal cedidas por esta entidade.

Horario de visita

As exposicións estarán abertas ao público dende este sábado até o luns 29 de abril na Sala Xacobeo da Área Panorámica, porta 4. O horario  de visita será de luns a venres de 17 a 21.30h e os sábados, domingo e luns de San Telmo de 11.30 a 14.30 h e de 17.00 a 21.30 h.