Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O sábado 11 de agosto celébrase en Tui a II Festa do Miño

24/07/2012

Tui vivirá o sábado 11 de agosto a II Festa do Miño. Baixo esta marca agrúpanse unha serie de eventos tanto deportivos, como gastronómicos e de lecer que converterán esta data en Tui nunha auténtica festa de verán.

 

A segunda edición da Festa do Miño foi presentada hai uns días no Parador de Turismo San Telmo de Tui coa asistencia do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, os concelleiros de Deportes, Nicolás Lorenzo, e de Cultura, Vanesa Rodríguez, do deputado provincial, Pablo Baquero, do presidente do Club Kaiak Tudense,  o representante da principal empresa patrocinadora Schweppes, José Manuel Hermida, e dun dos responsables da organización, Justi Peixoto.

 

A principal novidade da II Festa do Miño é que este ano comezará ás 12h no Paseo da Corredoira de onde partirá unha caravana en dirección á Ribeira de Caldelas, con autobuses gratuítos, para os que desexen participar na Romaría Popular que se vai a celebrar ao mediodía, ou no II Descenso Popular da tarde.

 

Na Romaría Popular haberá unha comida campestre a prezos populares amenizada por grupos folclóricos e dj's.

 

Pola tarde ás 16.30h desde a mesma ribeira de Caldelas sairá o II Descenso Popular do Miño, unha proba non competitiva, na que os participantes completarán 7 quilómetros de percorrido en augas do río até chegar fronte as instalacións do Club Kaiak Tudense en Tui. A inscrición está xa aberta até o mesmo día da proba.

 

Dúas horas máis tarde, ás 18.30h, sairá desde Salvaterra de Miño o 41º Descenso Internacional do Miño, cun percorrido de 14 quilómetros até a meta situada en Tui.

 

A Festa do Miño proseguirá ás 20h no Paseo da Corredera coa II Festa Gastronómica, con 24 postos de comida e bebida a prezo de 1 e 3 euros.

 

E xa a partir da medianoite é a quenda do II Festimiño no que este ano o grupo de pop-rock español Dover presentará por primeira vez en concerto o seu novo traballo discográfico. Daquela a música continuarán con dj's como Fonsi Neto ou a rusa Sexation, así como cos locais dj Trillo e dj Óscar.  A entrada ao Festimiño será completamente gratuíta.

 

Toda a información e as novidades sobre a Festa do Miño pódense consultar na súa web www.festadomiño.com así como en Facebook  e Twitter.