Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Mercado de Nadal de Tui consolídase coa participación de 50 expositores de gastronomía, decoración, agasallo…

21/11/2023

Celebrarase do 1 de decembro ao 5 de xaneiro contribuíndo á dinamización comercial da cidade

Comeza a conta atrás para o Mercado de Nadal que Tui que reunirá a un total de 50 expositores ao longo das tres quendas en que se vai celebrar dende o 1 de decembro ao 5 de xaneiro.  O espírito do Nadal inundará o céntrico Paseo da Corredoira nunha cita xa clásica durante estas festas na cidade, e que contribúe á dinamización da actividade comercial tudense.

 

As casetas de madeira nas que se ubicarán os postos estarán coidadosamente decoradas converténdose no mellor escaparate para produtos artesáns, gastronómicos, de agasallo, decoración, … que converterán de novo á Corredoira nun punto de referencia na axenda do Nadal tudense.

Desde o 1 de decembro e até o 5 de xaneiro, os expositores rotarán, ofrecendo unha variedade en constante cambio de produtos nas tres quendas establecidas, do 1 ao 12 de decembro, do 13 ao 24 de decembro e do 26 de decembro ao 5 de xaneiro, co que prometen unha experiencia renovada en cada visita.

A diversidade de artigos dispoñibles é un dos puntos fortes deste mercado, que presenta unha ampla gama de agasallos do Nadal confeccionados en materiais como madeira, prata, latón, vidro, coiro, resina, tecidos de gancho e punto, entre outros. Ademais, a oferta gastronómica brindará churros, chocolate, crepes, galletas, pasteis, gofres, mel, hidromel, viño quente ... Non faltará a decoración do Nadal cunha variedade interminable de artigos propios da tempada festiva.

O Mercado de Nadal de Tui consolídase coma un referente na zona e gaña forza edición a edición. Amais da actividade expositiva e de venda, non faltarán os obradoiros e a animación musical cun programa que se dará a coñecer en breve.

No Mercado estará situada a “Árbore dos desexos”, adornados con bolas que conteñen os desexos que plasmaron nunha tarxeta os nenos e nenas das familias ás que axuda SOS Tomiño Baixo Miño. As persoas que desexen colaborar deben recoller unha das bolas de Nadal, facer realidade ese desexo e entregalo a SOS Tomiño Baixo Miño. Esta iniciativa solidaria está promovida por EMEmedia.gal, SOS Tomiño Baixo, Viveros Nilo e o Concello de Tui.

O Mercado de Nadal, a decoración sostible, a iluminación de rúas prazas, os concertos,… brindarán unha programación de Nadal única en Tui.