Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O grupo de Facebook “Camiño portugués. Tui” acada os 6.000 seguidores

26/06/2023

O grupo “Camiño Portugués. Tui” na rede social Facebook, promovido polo Concello de Tui en xullo de 2020, acadou estes días a cifra de 6.000 seguidores.  Neste período de funcionamento son xa 6.000 os membros activos pertencentes a este grupo na rede social, un número récord no mundo das redes sociais no caso dun grupo centrado nunha ruta e nunha cidade dela.

A medida de visitantes diaria supera as setecentas persoas, tendo chegado a unha media de máis de millar e medio no verán pasado, con picos de dous mil. O perfil de membros é maioritariamente feminino, o que concorda co propio Camiño Portugués onde a presenza de mulleres é moi alta.

Préstase especial atención ao tramo Ponte de Lima – Santiago, así como ao do Camiño Portugués da Costa entre Caminha e Valença. É un grupo de servizos, non tanto de debate, aínda que non se rexeita especialmente no que atinxe ao carácter histórico deste Camiño Portugués fronte a outras rutas como o Camiño Portugués da Costa ou a Variante Espiritual, carentes desa dimensión.

Este grupo xurdiu co obxectivo de cubrir unha das eivas que se detectaban na promoción da ruta xacobea ao seu paso pola cidade e a súa escasa presenza nas redes sociais, especialmente en Facebook, xa que esta rede é a máis empregada no ámbito da peregrinación.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, esta cifra de revela o éxito desta iniciativa de promoción da cidade tudense como a porta de entrada dos Camiños Portugueses en Galicia e  ten respondido aos obxectivos para o que foi creado: ofrecer información sobre a nosa cidade para todos os usuarios e usuarias interesadas no Camiño Portugués e contribuír deste xeito ao posicionamento de Tui como referencia central das rutas de peregrinación xacobeas de Portugal.

Segundo as últimas estatísticas de Facebook e as liñas de extrapolación ofrecidas polos estudos sociolóxicos, pódese afirmar que, sumada ás visualizacións e os replicados nos outros grupos, a cifra de visualizacións deste grupo rondaría os 2.500.000 de impactos.

Este perfil está atendido por catro persoas. Diariamente suben unha foto de actualidade a Instagram (onde hai máis de 1.250 seguidores) e entre dous e catro publicacións ao grupo de Facebook, incitando á interacción dos propios peregrinos e peregrinas. As entradas replícanse diariamente en varios dos grupos que existen centrados no Camiño e Santiago e en varios idiomas.