Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Delegado Territorial da Xunta e o Alcalde de Tui celebraron onte no Parque Natural do Monte Aloia o Día Mundial do Medio Ambiente

6/06/2012

Participaron nun acto de formación en torno a sensibilización sobre a natureza no que estiveron presentes os nenos do CEIP Pazos de Reis de Tui

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís,  e o Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, celebraron onte no Parque Natural do Monte Aloia o Día Mundial do Medio Ambiente, xornada que tamén puideron gozar neste entorno escolares do concello de Tui, que puideron así descubrir a importancia da protección á natureza. Neste acto estiveron acompañados polo xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Infraestrutura e Territorio, José Luis Díez.

O acto, organizado polo Servizo de Conservación da Natureza, celebrouse no Parque Natural do Monte Aloia ata o que se desprazaron 60 alumnos do CEIP Pazos de Reis de Tui de Primeiro, Segundo e Terceiro de Primaria.

Os escolares tudenses, acompañados por técnicos medioambientais do Centro de Interpretación do Monte Aloia, puideron coñecer a labor desenvolvida neste parque a través da información recollida no propio centro de interpretación, así como coñecer en primeira persoa a riqueza ambiental deste entorno paseando polo sendeiro autoguiado instalado nas inmediacións do edificio informativo.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra lembrou durante a súa visita a importancia do mantemento e coidado “dos nosos montes e parques, xa que é unha obriga de todos protexer a natureza, as augas e os seus entornos”, e apostou pola aplicación dunha economía verde que teña en conta o emprego de enerxías renovables, o reciclaxe dos residuos, a aplicación da arquitectura ecolóxica e do turismo responsable co medio ambiente.

En relación ao Monte Aloia, recordou Cores Tourís que dentro do plan reitor de uso e xestión do mesmo se atopan a conservación e restauración da biodiversidade; o uso público, a educación ambiental e a investigación, así como o aproveitamento racional de recursos e desenvolvemento. Destacou o responsable territorial a gran diversidade medioambiental que posúe este entorno, con gran número de especies de fungos, liques e brións, así como “unha rica vexetación, tanto nos rochedos como nos pastos e no mato”, explicou Tourís. Especies autóctonas coma carballos, sanguiños, acivros, sobreirais, castiñeiros, pereiras bravas, toxos, queirugas e fentos, así como multitude de especies animais completan a imaxe dun parque que aposta pola xestión forestal sostible e que, por tanto, “é exemplo do que hoxe estamos a celebrar”.

O Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, agradeceu á Xunta esta celebración no noso Concello e expresou o seu orgullo por contar en Tui con este Parque Natural, o primeiro declarado en Galicia e que conforma un espazo privilexiado para achegarse á biodiversidade de Galicia.

O Día Mundial do Medio Ambiente naceu hai 40 anos para fomentar a sensibilización sobre o medio ambiente e promover a atención e acción política ao respecto. Este ano esta data está dedicada á economía verde, entendendo como tal a que mellora o benestar humano e a xustiza social, reducindo significativamente os riscos medioambientais e a pegada ecolóxica. Todo esto implica que a economía verde sexa de baixas emisións de CO2, eficiente no emprego de recursos e de inclusión social.

 

(Fonte: Xunta de Galicia)