Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Conservatorio Profesional e a Escola de Música de Tui celebran mañá mércores o seu concerto de Nadal

19/12/2023

O xoves actuarán na Corredoira e ofrecerán un obradoiro de creación de instrumentos musicais de Nadal

O alumnado do Conservatorio Profesional e da Escola de Música de Tui amosará mañá mércores todo o aprendido neste primeiro trimestre do curso no Concerto de Nadal que a partir das 19 h van ofrecer no Teatro Municipal de Tui. 

En conxunto serán preto de 80 alumnos e alumnas os que actuarán neste evento musical coma solistas, en grupos de música de cámara, no conxunto de clarinetes do grao profesional, na Big Band Infantil, na Orquestra de cordas de Grao Profesional e na Banda de ventos e percusión do Grao Profesional.

No concerto o trompetista tudense Manuel Madarnás presentará o seu segundo traballo discográfico “La MMarca Vol. II”.

Será un concerto solidario xa que a entrada será un quilo de alimentos non perecedoiros para SOS Tomiño Baixo Miño. As entradas poderán retirarse a partir das 17 h.

Os alumnos e alumnas destes centros de ensino musical volverán a actuar o xoves, pero nesta ocasión na rúa. Aí, ao igual que fixeron o pasado xoves e venres, actuarán na carpa do Paseo da Corredoira a partir das 19 h. Previamente ás 17 h ofrecerán, tamén na Corredoira, un obradoiro de creación de instrumentos musicais de Nadal dirixidos a nenos e nenas de 4 a 7 anos.