Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

O Concello de Tui solicitará á Dirección General de Arquitectura a rehabilitación do Teatro Principal

21/11/2018

O alcalde solicitou unha entrevista co seu titular para abordar esta posibilidade tras formalizar a compra do inmoble este mes

Co obxectivo de estudar a posibilidade de que a Dirección General de Arquitectura, Vivienda y Suelo do Ministerio de Fomento asuma a rehabilitación do Teatro Principal o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, vén de solicitarlle unha entrevista ao seu titular Francisco Javier Martín Ramiro.

Na carta enviada ao director xeral o rexedor tudense expón que dende o pasado 13 de novembro o Teatro Principal é xa propiedade do Concello de Tui. Deste xeito cúmprese un dos requisitos – ser de titularidade municipal – poder acometer calquera tipo de actuación no inmoble.

No documento remitido á Dirección General de Arquitectura lémbrase a importancia do Teatro Principal, que data de 1884, acollendo multitude de actividades artísticas, culturais e sociais, entre as que destacan os I Xogos Florais de Galicia celebrados no mesmo en 1891, sendo o primeiro acto celebrado integramente en galego.  Apúntase tamén ao emprazamento do Teatro dentro do conxunto histórico de Tui, declarado Ben de Interese Cultural, BIC.  Nese senso indícase que rehabilitación do inmoble “incidiría de modo moi especial na dinamización do Conxunto Histórico de Tui” xa que abriría novos espazos de uso público para a cidadanía, ao tempo que se recuperaría un “dos seus edificios máis emblemáticos e cargados de historia”.

O alcalde de Tui amosa amais a disposición do Concello para financiar o equipamento escénico.